Opinión

Conversas de ascensor

AQUILO de falar do tempo no ascensor está empezando a pasar de moda. Foron tantas as veces que usamos a excusa meteorolóxica para pasar os escasos -pero incómodos- minutos que estamos con ese veciño ao que nunca vemos no ascensor sin saber que dicir que as empresas xa atoparon unha solución: darnos outro tema do que falar. Si. Por exemplo, sabían que o primeiro ascensor foi construído no ano 236 antes de Cristo polo arquitecto romano Vitruvio? Eu non, se son sincera. Pero iso é o que di no meu ascensor. Nesa pegatina que cada mes renova o técnico para dicirnos que esteamos tranquilos, que pasou revisalo e que todo está ben.

Está ben. É unha fórmula coma calquera outra para darnos temas de conversación. Iso deberíase repetir a gran escala para evitar seguir dándolle voltas a un pacto que nunca chega. Para evitar oír que se van repetir as eleccións. Para evitar seguir acordándonos de todos aqueles que nos estafaron e por riba o negan coa mesma frescura. Para maquillar coas pequenas cousas do día a día, como unha conversación de ascensor, esa realidade que se escapa das nosas mans pero coa que non podemos evitar atoparnos a diario.

Comentarios