Opinión

Veñen con forza

OS NOVOS veñen con forza e boa falta que lles fai. Teñen o paso atrancado, impedíndolles camiñar con éxito cara a un posto de traballo digno, máis ou menos seguro e cunha duración superior á dunhas horas, uns días ou algúns meses. Veñen con forza, con talante, con ganas de facer, con coñecementos, interese e afán emprendedor, pero atopan tapóns que lles impiden chegar ou que lles obrigan a recuar, a volver frustrados para onde partiron ou a coller un dos camiños que os leve lonxe da terra, ao outro lado do mundo ou a ningures. Algunhas veces dá a impresión de que estamos nun mundo sen posibilidades de arranxo e sen arelas de progreso.

Temos en Galicia, segundo datos oficiais, máis de duascentas mil persoas desempregadas, e pouco máis dun millón traballando

Temos en Galicia, segundo datos oficiais, máis de duascentas mil persoas desempregadas, e pouco máis dun millón traballando. A maior porcentaxe de paro engórdana os mozos e mozas, con estudos ou sen eles. Pavoroso! Dá medo pensalo, a pesar de que os políticos din que melloramos, que vamos polo bo camiño, pola senda acertada, coa esperanza posta no emprendemento, tan valorado, tan loado e cacareado polos executivos de última hora e polos de sempre. Si, será o emprendemento quen aparte de nós a ruína?

Os novos veñen con forza e revelaranse algún día contra o sistema, que lles pon unha etiqueta co letreiro de innovadores e que lles obriga a coller a maleta e o billete para ir buscar a vida a onde sexa. Precarios polo mundo, cunha palmada no carrelo, de oficina en oficina, de estación en estación, voando cara o esquecemento, esfumándose velozmente as súas posibilidades de servir á sociedade á que pertencen, coa compaña da terrible soidade. Van para o Reino Unido, para a Europa rica, para América, de mar a mar; para sufrir, loitar, batallar, emprender, traballar e pensar en volver, canto antes.

Os novos veñen con forza e vanse, como se foron os seus avós e moitos da súa familia, que aínda non puideron volver. Vanse na procura de pan e salario, para seren libres, pero como dicía Nelson Mandela, "non hai camiño fácil para a liberdade en ningún sitio". Aquí, por suposto, tampouco. En pouco tempo xa non quedará quen a reclame, non quedarán mozos, nin mozas, nin vellos para coidar. Teremos un ermo grande, un baldío escarpado polas inxustizas e pola ignominia e a deshonra dos que ordenan.

Comentarios