Opinión

Vén o outono

O VERÁN foise. Sempre é o mesmo, remata decontado aínda ben non empeza. Dura o que dura, o que sempre durou oficialmente, pero é pouco, para algúns, moi pouco. Aproxímase o período de escuridade, de noite longa, tan longa como o día de traballo ou como o día sen pan. Mentres tanto, o tempo vai pasando sen demora, deixando os feitos para a memoria, para o recordo dos nostálxicos. Primeiro chega o outono decadente, vén co equinoccio, ese punto xusto no que o sol cruza o ecuador celeste da terra e alumea por igual no hemisferio norte e no sur. Aínda non acaba o outono e xa se presenta o inverno coas súas particularidades nos distintos eidos, no laboral, na escola, no turismo, na montaña e no mar.

O outono vai ata decembro, vai polo castañal, pola caída da folla e a esfollada do millo, polos días curtos que seguen empequenecendo. Como dicía aquel proverbio francés, "é o silencio antes do inverno", é tempo de magosto, de reflexión e espera. Entrado o mes de decembro chega oficialmente o inverno que, no hemisferio norte, vai dende finais deste mes ata finais de marzo. É unha estación que, como dicía Víctor Hugo, "transforma en pedra a auga do ceo e o corazón dos homes".

O inverno é unha estación que, como dicía Víctor Hugo, "transforma en pedra a auga do ceo e o corazón dos homes"

Rematado o inverno, entre o inverno e o verán sitúase a estación das flores, aquel tempo que trae vida e colorido, ledicia e esperanza á cidadanía toda, como no poema de Antonio Machado, cando a primavera bicaba suavemente ao bosque e cando o verde novo brotaba como unha verde fumareda. Con cal nos quedamos? É difícil de escoller. Máis agora, neste tempo revolto é difícil diferenciar unha estación das outras. A mocidade non coñece aquelas claras diferenzas entre o outono e o inverno, entre a primavera e o verán ou entre calquera das estacións. O ano é como un período corrido de adversidades meteorolóxicas.

En tódolos anos, despois do verán, vén o outono e seguidamente o inverno, con noite e día en alternancia seguida, independentemente da hora oficial que cadaquén queira poñerlle ao seu reloxo e sobre o que tanto se estuda e se fala, aínda sabendo que gusta máis escoitar as catro estacións de Vivaldi. Efectivamente, é máis pracenteira e tranquilizante a música que a tempestade, en calquera época do ano.

Comentarios