Opinión

Un mundo enteiro

ANDA POLOS papeis e por múltiples páxinas de internet unha listaxe cos países máis pequenos do mundo. Cada un deles ten poucos habitantes, pouca extensión e unha enorme ou, cando menos, importante renda por cabeza, é dicir, unha estupenda relación entre o PIB e o número de habitantes. Son países que semellan paraísos. Teñen territorio, teñen goberno e fronteiras. Algún deles non ten máis nada, cartos unicamente. Son mostra evidente de que no mundo existen cousas que, como dicía unha amiga da Tía Manuela, mellor era non telas.

Os países máis pequenos do mundo teñen poucos habitantes, pouca extensión e unha enorme ou, cando menos, importante renda por cabeza

O Vaticano, con menos de medio quilómetro cadrado de extensión, é o país máis pequeno do mundo e, pola contra, ten enorme poderío dentro e fora dos seus belos edificios, nos que habitan os homes, os santos e os deuses. Mónaco multiplica por catro a superficie do Vaticano. É unha cidade convertida en Estado, na Costa Azul. Unha monarquía constitucional dedicada ao turismo. Nauru e Tuvalu son os dous seguintes, moito máis grandes, con 21,3 e 26 quilómetros cadrados de superficie, respectivamente. Os dous son países insulares:Nauru é unha sola illa, unha república parlamentaria en Oceanía e Tuvalu, nove illas situadas na Polinesia, gobernadas polo sistema de Monarquía Constitucional.

A Serenísima República de San Marino é o Estado soberano máis antigo do mundo (independizouse do imperio romano no ano 301) e, con pouco máis de 30.000 habitantes, é o de menor poboación dos estados membros do Consello de Europa. O Principado de Liech- tenstein e a República das Illas Marshall, con 160 e 181 quilómetros cadrados, respectivamente, ocupan o sexto e sétimo lugar entre os países máis pequenos do mundo. En Liechtenstein, ao parecer, hai rexistradas máis empresas que habitantes.

A Federación de San Cristóbal y Nieves é o país máis pequeno de América, unha monarquía constitucional con dúas illas no océano Atlántico. O noveno e o décimo dos países máis pequenos son illas do Océano Índico, dúas repúblicas, a das Seychelles, con menos de 90.000 habitantes, e a das Maldivas, con cerca de 350.000. Á vista deste panorama, é normal que moitos vexan á súa Cataluña, cos seus 32.000 quilómetros cadrados de superficie e con cerca de oito millóns de habitantes, coma un mundo enteiro. Grandísimo!

Comentarios