Domingo. 18.11.2018 |
El tiempo
Domingo. 18.11.2018
El tiempo

Un día por ano

MAMÁ, TODAS as mulleres son iguais e iguais aos homes, a tódolos homes. Todos somos iguais en dereitos e en deberes, pero todos somos diferentes. Desiguais, afortunadamente, na forma de andar e de pensar, nas vocacións e nos gustos e no tipo e na cor do pelo, dos ollos e da cara. No falar, no mirar e no escoitar tamén somos diferentes. Iguais e desiguais tódalas persoas. Aí, na diversidade está a grande riqueza. Mamá, ti es a miña mai e como ti non hai ningunha. Ti, mai, recordáchesnos moitas veces aquilo de Gabriel García Márquez de que "unha persoa só ten dereito a mirar a outro cara abaixo, cando ten que axudarlle a erguerse".

García Márquez falaba dun home, no canto dunha persoa, pero nós sabemos ben ao que se refería. E, ben sabemos tamén que o home para ser libre ten que vivir nunha sociedade libre, con mulleres e homes libres, honrados, honestos e legais. Con homes e mulleres que sexan iguais, aínda que manteñan e reivindiquen as súas diferenzas de xénero. "Miña nai, miña naiciña, como a miña non hai ningunha". Dicíao a Tía Manuela, cadaquén, sen distinción de raza nin de categoría, ten a súa e apréciaa, homenaxéaa e quérelle tódolos días de tódolos anos. Amén.

Aínda que oficialmente, por este ano, estea o labor feito, que ninguén se chame a enganos. Un día por ano. Si ou non? Veremos!

As Nacións Unidas determinaron que o oito de marzo de cada ano sexa o Día Internacional da Muller, un día de celebración e de loita para conseguir a igualdade de xénero, entre mulleres e homes. Para lograr os obxectivos, parece importante que haxa un período de reflexión e que se establezan fases de concienciación e de acción, con repercusión a nivel internacional e cun discurso favorable ás persoas máis necesitadas nos eidos laboral, da economía e da cultura.

Tódolos días do ano, repetimos. Todos, sen excepción, son indicados para reivindicar e esixir igualdade, xustiza, paz e o desenvolvemento social conveniente en tódolos ámbitos. Mulleres e homes en ringleira, en riola mirando para o porvir, outeando o futuro e renegando do presente. Homes e mulleres con loucuras de amor, con prantos en silencio e con razóns abundantes para estar, cando menos, ata as orellas por mor das desigualdades e das miserias. Ata as orellas, si señora! Aínda que oficialmente, por este ano, estea o labor feito, que ninguén se chame a enganos. Un día por ano. Si ou non? Veremos!

Un día por ano
Comentarios