Cando onte, pola tardiña, me dixeron que hoxe tiñamos que ir a O Cebreiro, solteime a chorar con salaios e tristeza grande, tan grande que agarrotaba o meu falar e que me impedía contar o que acababa de pasar. Morreu Pilar Armesto Valiña, compañeira, irmá e amiga. E que pasou? A morte vén e leva con ela á nosa media vida, á vida enteira. Alá vai o presente, van os recordos, vai a amizade e vai enteiro o futuro.
Foise Pilar do Cebreiro (o seu funeral será hoxe alí ás cinco) e deixa un baleiro tan enorme que non seremos quen de atopar o seu fondo. Pero, Pilar, sabemos ben que alá no fondo permanece a sabedoría, a comprensión, a harmonía e a grandeza túa. Con nós, e ao noso lado, seguirás sempre, sempre, ata que o mundo se acabe de todo, ata que a desmemoria se ocupe do talento, desfaga os camiños, rompa o que os creadores crearon, maltrate á humanidade e estableza, pola forza, o silencio.
Eu, queridos amigos, Luíses, pai e fillo, a nora e o netiño, estou escribindo con bágoas e recordando aqueles tempos nos que Rosalía de Castro era, en Sarria, a Academia de Abaixo, alí onde Pilar compartía a súa bici cos aldeáns que estabamos labrando o camiño para deixar de labrar a terra.
Ti, compañeira, fuches de Sarria para O Cebreiro e viviches ao carón dos teus tíos, Elías e Amelia Valiña Sampedro. Co teu Luís e con Luisín, contribuíche de forma ben recoñecida por todo o mundo xacobeo, ao desenvolvemento do Camiño de Santiago e de tódalas súas contornas. Os peregrinos e nós, os que somos da montaña de Lugo, temos unha débeda de gratitude contigo, que non sei como a poderemos pagar.
Es tan grande e tan prezada, tan querida como solidaria, tan fermosa como admirada, loitadora, traballadora e feiticeira. Es ti, Pilar Armesto Valiña a miña e a nosa amiga, para seguir escoitándote, abrazándote e queréndote. Esta tarde estaremos en O Cebreiro e alí nos veremos, despois seguiremos falando, opinando, respondendo ao que din, razoando e, se é o caso, peregrinando cara a Santiago de Compostela, lembrando aquilo que noutra ocasión dixeches: "Na vida hai valores que non poden esquecerse, como a liberdade, a solidariedade, a amizade e a igualdade". Unha forte aperta, na túa memoria, Pilar, para ti e para tódolos teus.