miércoles. 03.06.2020 |
El tiempo
miércoles. 03.06.2020
El tiempo

Todo igual

Se todo cambia, aínda que non estea ben visto, tamén se pode cambiar de opinión, ou non? Incluso, hai políticos que defenden con fervor e moito entusiasmo o cambio de chaqueta, como facía Modesto de Requeixo, mesmo despois das primeiras eleccións autonómicas que lle deron a presidencia da Xunta a Xerardo Fernández Albor. “Cando se luxe, se podo, cambioa outra vez”, dicía aquel comerciante vilego, que andaba na procura da limpeza absoluta, ao seu xeito. Primeiro era amigo dos recadadores do sistema, despois, sendo apolítico, cambiou de partido tres ou catro veces, pero a súa chaqueta permanecía sucia.

Outros cambian de opinión inmediatamente despois de expoñer o seu criterio ou a súa idea sobre unha determinada forma de proceder. Lamben e relamben a postura contraria, aquela que imposibilitaba o desenvolvemento social, a igualdade de xénero e o benestar dos compatriotas. Cambian de discurso, de programa, de forma de vivir, de escoitar e de mirar. Rapidamente cambian a esencia, os principios e as formas. Cambian de opinión e que pasa!

Nada, non pasa nada. aínda que cambiar de opinión non está ben visto, non pasa nada! En todo caso, dependerá de quen cambie. Xa o dicía o escritor valenciano Joan Fuster, cando reivindicaba o dereito a cambiar de idea, “o primeiro que che negarán os inimigos”. E, que dirán os correlixionarios? Seguramente podan máis as emocións que as razóns e ninguén vai dubidar, cuestionar ou interpretar incorrectamente o que anuncia o mestre ou o líder do grupo, “con plena capacidade para pensar”, coa mesma que moitos dos outros exentos de facelo.

A política é un motor de cambio e aí está, cando non somos quen de mover a realidade ou cando non interesa cambiala, vaise ao máis fácil, ao seguro e irrelevante, cámbiase o enunciado, o propósito, o principio e o revestimento. E, que? Estamos co cambio e o recambio, sempre facendo país. Bo sería, amigos lectores, que os cambios de opinión estiveran baseados na información, nos argumentos, na realidade e no coñecemento, á marxe sempre dos intereses particulares, de grupo, de amiguetes ou da familia.

Atención! Díxoo moi ben a Tía Manuela, “hai estúpidos que promoven o cambio, para que sega todo igual, menos o deles”.

Todo igual
Comentarios