Martes. 21.11.2017 |
El tiempo
Martes. 21.11.2017
El tiempo

Que bonito sería!

UNHA AMIGA, boa profesional, estudada e case sabia, veciña dunha cidade das nosas, da que non é necesario dar o nome, dicía con voz recia que a súa era unha bela cidade, bonita, limpa, aberta e na que gustaba vivir, se non fose polos lugareños, os do piso de arriba e os de abaixo, os daquela casa e os da outra, os que coñecía e os que sinxelamente pagaban os impostos, como ela pagaba, e votaban cando ela votaba. Os que ían tamén comprar aos supermercados, ao traballo, á praia, ao cine e ao teatro. Eran normais, pero, ao entender da miña amiga, afeaban a cidade, incluso, coa súa normal forma de falar.

E, así, cantas cousas se ven? Que bonitos parques temos, con poucos nenos xogando, con algunha xente máis, con esculturas e con cadelos envorcándose, se non fose polo lixo estrado; que bonito este sendeiro arranxado para andar e tódolos sendeiros bonitos, se non fosen os plásticos tirados, se non fose a sucidade e a desatención á que están sometidos. Que bonitos os prados de calquera aldea, se se regaran; os bosques, se se preservaran, se estiveran limpos e non queimados. Que bonitas serían as cerdeiras en flor ou con cereixas, se non fose a chuvia ácida, que non deixa comer aos paxaros, e que bonitas e produtivas serían as hortas urbanas, se se traballaran.

Serían ben bonitos os camiños e as corredoiras, as agras, as leiras pequenas sementadas, os prados gadañados e coas ourelas rozadas; os toxos feros e reverdecidos, os ríos de auga cristalina, as pereiras e maceiras cargadas de froito, se se coidaran. Que bonitas as bibliotecas cheas de libros, con xornais e con lecturas en diversos idiomas, se estiveran cheas de xente lectora. Que bonitas as librarías, se venderan libros; que bonito o transporte público, se funcionara e que bonito sería mirar para o ceo e velo estrelado.

Sería bonito o patrimonio de todo tipo que temos en Galicia, arquitectónico, paisaxístico e artístico, se se respectara. Tan bonito como o respecto, cando se ten e se mantén. Que bonita sería a volta ciclista con toda a beleza do seu colorido, se fose fundamentalmente deportiva. Que bonito sería espertar algún día e atoparse cunha Galicia ideal, liberada da especulación que conduce á miseria, unha Galicia enteira e con homes e mulleres que fosen donos e donas de seu.

Que bonito sería!
Comentarios