Opinión

Perder o tempo

O reloxo hai que cambialo de hora dúas veces no ano, unha hora para adiante cara ao verán e outra para atrás, cara ao inverno. De repente, un día de domingo, ás dúas da madrugada xa son as tres e o luns, todos a espertar unha hora antes da hora de espertar na tempada anterior. Cando se achega o inverno, é ao revés, atrásase o reloxo e todos a durmir unha hora máis. Como di o señor Domingo da Freixa, un home dos seus anos, "unha hora non é nada, pero unha hora por cada unha dos millóns de persoas ás que afecta o cambio dá unha cifra ben elevada, unha cantidade que leva tempo pronunciala". Son moitas horas de sono ou de traballo.

A economía poida que sexa a motivación principal destes cambios. Si, a economía está presente no día a día, no traballo, no ocio, no estudo, no movemento das poboacións, na investigación, nos tratados internacionais, no espírito dos conservadores e no pensar dos revolucionarios. Sábeno moi ben aquelas persoas que se dedican á divulgación, á política e, mesmamente, á comunicación. Tamén inflúe na meteoroloxía, no tempo e moito en marcalo, en medilo e distribuílo.

Mentres o tempo vai pasando, os homes achéganse ao final do traxecto e todo segue igual, cunha hora de cambio dúas veces no mesmo ano, unha para cambiar e outra para desfacer o cambio. Os teóricos e científicos non son todos da mesma idea e as administracións tampouco o teñen claro. A Comisión Europea acordou abolir este cambio horario, pero non foi quen de conseguilo. Aí seguimos á expectativa, como se o acordo se escribira en papel mollado, como se se tratara de xogar co tempo, cos horarios, coa vida e co traballo. 

Expertos en ditames varios, investigadores en multitude de areas, elaboradores de informes e contables especializados din que o aforro  por mor do cambio horario é de centos de millóns de euros. Quen será o aforrador afortunado? Onde estarán os contadores que miden o tempo, parcelado en séculos, en lustros, en anos, en meses, en semanas, días, horas, minutos, instantes ou momentos e segundos? Quen será capaz de poñerlle cancelas ao tempo?

Sempre igual, mañá é outro día, por iso a Tía Manuela quere gañar tempo, avanzar, facer tempo para reflexionar e pensar. E imitando a Agustín García Calvo, tamén quere ter oportunidades para perder o tempo, sen máis, nos horarios normais.

Comentarios