Opinión

O peor tramo xa pasou

A universidade é un ben necesario, importante e seguro. É un medio para transformar a sociedade e para seguir —a cada instante— os cambios sociais, os cambios estruturais, os cambios, sen máis. Para seguilos e para promovelos. A universidade, o estudo, a formación, a discusión, o diálogo, a investigación, o coñecemento e a transmisión do mesmo son labores importantes e que, por certo, recaen no traballo e na vontade das mozas e mozos deste tempo que se ve novo e esplendoroso. 

A universidade en Galicia reparte as súas forzas nas catro provincias, en tres universidades e sete campus, sete espazos na procura da prolongación dos saberes, na conquista de saberes novos e no asentamento e na confianza do saber adquirido. Tres universidades, internacionalmente coñecidas e valoradas, para darlle pulo á educación e á formación da cidadanía, e para agrandar a importancia do futuro, as relacións entre a veciñanza, entre os pobos e entre os homes e as mulleres do mundo mundial.

A Universidade con maiúsculas e os Medios de Comunicación (tamén con maiúsculas) son, a bo seguro, dous dos alicerces da liberdade e do progreso económico, cultural e social, en tempos de eleccións, pasados estes tempos ou á espera deles. Son entes para garantir a liberdade, a pluralidade e a equidade. Sen eles, ou sen un deles, o camiño entraría en zona escura e a visibilidade tornaríase en imposible.

En Galicia, cando os tempos son chegados, temos universidades e universitarios capaces de transformar os andares enviciados. E temos, para orgullo de nós, medios de comunicación dispostos, capaces e preparados para contalo, para explicalo e para recordalo cando faga falta.

As novas tecnoloxías e o seu poderío alentaron e abrigaron unha revolución que segue en marcha e que está modificando substancialmente as relacións dos medios de comunicación coa súa audiencia e as relacións das universidades cos seu públicos, cos estudantes, cos profesores e o Persoal de Administración e Servizos, coas empresas, coa investigación, cos concellos, autonomías e o Estado. 

Moitos interpretan que se trata dunha revolución para restrinxe as liberdades, que omite unha boa parte da información, que se ampara na robótica e nos ditados da intelixencia artificial. Outros, á intemperie, observan o alento do futuro, que vai ou vén en camiño e que, como di a Tía Manuela, "o peor tramo, o das curvas máis perigosas, xa o pasou".

Comentarios