Opinión

Para orgullo de nós

A PRENSA GALEGA deu conta estes días do cuarto cabodano de Isaac Díaz Pardo e do acto que se celebrou ao carón da súa tumba, no cemiterio compostelá de Boisaca, onde repousan tamén ilustres intelectuais, homes e mulleres do pobo, empresarios capitalistas, profesores, periodistas e escritores, pintores, ebanistas, funcionarios, traballadores e cregos de negro ou sen sotana. Foi en Boisaca, mesmo á entrada, no enorme cemiterio con sepulturas cheas de xente de ben.

Foi moi bonito lembrar colectivamente ao artista en tantos ámbitos, ao empresario, humilde benfeitor, intelectual de altura en campos diversos e promotor de iniciativas culturais, sempre de tendencia galeguista. Organizou o acto a Academia Real Isaac Díaz Pardo, da que é secretario Xosé Ramón Fandiño e presidente, Xesús Alonso Montero, gozoso mestre de todos os académicos e dos alí presentes, chegados de diversos lugares de Ourense e de Lugo, de Pontevedra e da Coruña. A chuvia e o vento facían dobregar os paraugas e acompañaban co seu son ao das guitarras de Mini e Mero, ao mesmo tempo que humedecían o fol de cada unha das gaitas dos Encantadiños, dispostos para interpretar, ao remate, o himno de Galicia.

A prensa galega deu conta estes días do cuarto cabodano de Isaac Díaz Pardo e do acto que se celebrou ao carón da súa tumba


O temporal fixo tremer as pernas das máis novas asistentes, as mozas estudantes do Instituto de Cacheiras, María López Penido e Carmen Rodrí- guez Ferreiro, que recitaron, con grande atino, o poema Cacheno. Roi Cagiao e Antón Pulido ilustraron o programa que lle serviu de guía á presentadora, Olivia Rodríguez. Foi longo e interesante. Ana Acu- ña, Antón Costa, Esperanza Mariño, Francisco Pita, Xesús Redondo Abuín e Marifé Santiago encheron de palabras a primeira parte. Na segunda, tocoulle á poesía e, xunto coas estudantes de Cacheiras, recitaron Carmen Blanco, Xoán Xosé Fernández Abella, Xesús Rábade Paredes, Claudio Rodríguez Fer e Helena Villar.

A terceira e última parte do acto comezou co poema de Xesús Lorenzo Varela, Compañeiros da miña xeración mortos ou asasinados, que recitou Manuel Ucha e, despois de soltar dúas pombas e de facer unha ofrenda de mazás, Xesús Alonso Montero falou e cerrou. Con actos así, os homenaxeados mortos seguen como vivos, para orgullo de nós.

Comentarios