Opinión

O centro do mundo

Hai quen quere que o Camiño de Santiago sexa como foi na Idade Media e que os peregrinos sexan hoxe como eran daquela. Outros non, hai estudosos, peregrinos, historiadores, comunicadores, sociólogos, expertos en dereito e coñecedores do Dereito Romano, teólogos, xeógrafos, lingüistas, homes e mulleres de ciencia, de saber e do traballo que respectan as tradicións, a cultura e o pasado, sabendo de onde veñen e abrazando o presente con agarimo e con ledicia, na espera dun futuro mellor.

Os peregrinos tamén procuraban un futuro mellor e rezaban e andaban para conseguilo. Durante moitos séculos facíano en multitude, ían dende calquera punto de Europa a Santiago para redimir penas, para cumprir promesas, para adorar ás reliquias do Santo e orar diante delas ou para encontrar algunha vía que os conducira á gloria. Choraban de gozo e volvían chorando á casa, os que podían. Como di Federico Gallegos no seu Estatuto xurídico dos peregrinos na España medieval, eran unha realidade social.

Hoxe tamén, os peregrinos, as peregrinacións e o Camiño de Santiago son realidades socias que deben ser atendidas, respectadas e apreciadas conforme aos tempos de hoxe e ás normas de convivencia actuais, se é que as hai. Nestes tempos novos, milleiros de peregrinos andan nos Camiños. Por moitos Camiños, con recorridos longos ou cortos, cadaquén ao seu paso, deixando as pegadas, agrandando a ruta e convivindo coa cidadanía, cos homes e mulleres, cos nenos e vellos de cada un los lugares por onde pasan. 

O Camiño e os Camiños de Santiago son espazos  de comunicación que contribúen ás relacións entre persoas, culturas e pobos, cunha alongada dimensión internacional e moi alta capacidade de unión e transmisión das diferentes culturas e opinións. Temos Camiños polo aire, por terra e por mar. Todos van unindo, arrimando o pasado ao futuro e aos continentes entre si, co mar por medio. 

O mar tamén é Camiño e a Santiago achegáronse, navegando ata as costas galegas, milleiros de peregrinos ao longo dos séculos. O Xacobeo é un ben prezado e desexado, un ben de todos e de tódolos pobos, das vilas e das cidades. Dise que no Camiño fraguouse a primeira rede asistencial de Europa e agora hai quen pensa que o Camiño será, ao seu paso por Canarias, o punto de intersección de tres continentes. E Galicia, o centro do mundo.
 

Comentarios