lunes. 10.05.2021 |
El tiempo
lunes. 10.05.2021
El tiempo

Os motores do desenvolvemento

NACEU COA súa nai deitada no escano da lareira, o vinte e cinco de decembro, un día de neve e nevando, un dos días grandes de festa e de matanzas naquel lugar e naquela época, cando o mundo era diferente, as formas de vida, diferentes; os costumes iguais aos dos séculos anteriores, e os partos, como sempre foran, difíciles, arriscados e dolorosos. O día antes, matanza nunha das casas veciñas. Todos con festa rachada, na verdadeira noiteboa, con regueifas, cante, contos, fígado encebolado, patacas, pan e viño.

Á mañanciña, chamaron ás veciñas e enseguida chegaron todas, as Agostiñas de Cereixo e de Abaixo, Pura de Rigueiro e Benedita de Arriba, atizáronlle ao lume, arredaron a angarela impoluta co caldeiro pendurado e deitaron a parturiente no escano sobre unha saba branca de estopa. Abrigárona cunha colcha de tiras, unha fermosa farrapeira de cores vivas e, guiadas pola máis vella e —polo tanto— a máis experimentada, seguiron quentando aquela cociña vella con caniceira de ripias mestas.

Arrimaron ao lume o cantareiro coa ola chea de auga e enseguida naceu o neno. A nai abriu os ollos, deulle un bico ao seu fillo, un sorriso e unha mirada de agradecemento ás mulleres. Elas con cuncas de auga morna que sacaban da cántara, lavaron ao meniño, ataron cun fío o cordón umbilical, envolvérono nun pano vermello e xa, daquela, entrou o pai, co outro neno no colo, cun caldo de pita para a nai recentemente parida e unha copa de viño doce con ovos batidos para cada unha das parteiras, para que beberan aquel ponche e comeran unhas codias de empanada de conexo feita para a ocasión.

Todo saíu ben. Aquela si que era festa! Medraba a veciñanza e todos os presentes, arredor da nai e da criatura, aplaudían a boa nova. Os coñecementos de obstetricia das mulleres aldeás foran adquiridos axudándolles a parir ás veciñas novas, como outras mulleres lles axudaran e lles ensinaran a elas. Non había bañeiras, non había auga corrente, non había luz eléctrica, non había médicos nin enfermeiras. Tampouco había sistema sanitario, nin bo nin malo. Había fortaleza, resistencia contra as inclemencias todas, pouca formación, abundante ignorancia e unha enorme solidariedade entre a veciñanza.

Todos tiñan medo e fastío á eclampsia, aquela estado terrible, con hipertensión arterial e a albuminuria nas embarazadas. Tiñan medo á enfermidade, pero confianza e seguridade no futuro. Confianza na ciencia e no coñecemento que —como di a Tía Manuela— "son os motores do desenvolvemento, xa no primeiro momento".

Os motores do desenvolvemento
Comentarios