martes. 18.05.2021 |
El tiempo
martes. 18.05.2021
El tiempo

Medo, para que?

Epicuro. EP
Epicuro. EP

EL TIÑA MEDO ao can e ao gato, ao fracaso e ao éxito espontáneo, a ese que chega entre lusco e fusco. Os outros tamén tiñan medo e non sabían que camiño coller para fuxir. Corrían todos, uns diante dos outros, pero ninguén chegaba. A verdade é que corrían cara a ningures e cara o abismo. Que pena! E aí está a pandemia atemorizando á cidadanía mundial, para que todos, homes e mulleres, nenos e vellos, se poñan ao rego e aren. O medo imponlle á xente unhas condicións de submisión nunca vistas nin imaxinables, deplorables e inxustas.

Ese sentimento de inquietude que se experimenta ante a presenza dun perigo dana a convivencia e fai moito mal aos que xa están mal. É unha mágoa vivir con medos, pensar que pasa o tren e quedas en terra, que non tes que darlles para comer aos fillos, que suspendes o exame, que vas, tranquilamente e con velocidade moderada, no teu coche pola autoestrada e zas!, directamente para Uci saturada e cos integrantes do equipo sanitario mortos de traballo e con medo. Con moito medo a perder as eleccións, andan os responsables políticos do negociado, eses que procuran, por tódolos medios, estender o temor, sabendo que é unha ferramenta ben apropiada para ter á poboación atada, atrelada á argola do pánico.

O filósofo grego Epicuro xa dicía que ao ser humano aféctanlle catro medos: o medo aos deuses, o medo á morte, o medo á dor e o medo ao fracaso

"O Estado mesmo constitúese por medo", dicía o filósofo Thomas Hobbes. E a mesma sociedade, conxuntamente cos seus dirixentes, é xeradora de medos, entre eles o medo ao odio, á enfermidade, a perder o emprego, á fame e ao inferno. Se vostedes, prezados lectores deste xornal, paran un instante e reflexionan sobre o medo, enseguida caen na conta de que forma parte das ideoloxías e das relixións, de forma tristemente permanente.

Epicuro, o filósofo que naceu en Samos (Grecia) no ano 341 antes de Cristo, xa o dicía, ao ser humano aféctanlle catro medos: o medo aos deuses, o medo á morte, o medo á dor e o medo ao fracaso. Agora, na contemporaneidade, hai que engadir o medo aos inimigos e aos compañeiros de partido. Pepe de Cereixo, un pescador de chalana que rema de noite e de día, di que o medo é libre, con tanta liberdade como a auga do mar, que vai e vén con toda a forza da verdade, mollada e salgada, para regular o tránsito, as entradas e as saídas. Para que? 

Medo, para que?
Comentarios