Miércoles. 21.11.2018 |
El tiempo
Miércoles. 21.11.2018
El tiempo

Grazas, Manolito

PENSEI EN non escribir este artigo pola grande dor que sinto no corazón. Aflición, pena e tristura, moita tristura pola morte repentina do amigo (meu e probablemente de tódolos lectores deste xornal), Manolito, prezado Manolo Balseiro Rañal, tan prezado coma a miña Balsa natal. Morreu de repente, tan pancho e tan sereno, foi para o Hospital á mañanciña e, ao pouco tempo, da cama mortuoria para Boisaca, igualmente sereno, tranquilo como el era, deixando paz na terra, nesta terra que, como o ceo, ten que ser de todos e para todos, para os que quedamos e para os que veñan, polos séculos de moitos séculos.

Foi impresionante. Perdemos un camarada, un ilustre compañeiro de tódalas viaxes, un galego que viña de San Sadurniño e que ía para onde o chamaran, para onde fose necesaria a súa presenza, para xunto da amada Ana, para onde os nenos, para coidar do seu pai, para os faladoiros matinais ou da tarde, para alí ou para acolá.

Sempre foi igual, un namorado do mundo mundial, pero especialmente da Galicia enteira, de Pontevedra, de esquina a esquina; de Ourense de toda ela, incluídas as Burgas, Ribadavia, a fronteira longa ata Monterrei e de Monterrei ao Bibei, a Valdeorras, á Rúa, a Castro Caldelas ou á Teixeira.

De Teixeira para a casa de Santiago ou de Ferrol, paseando, andando, mirando e sorrindo. No coche, ao volante e sempre sorrindo. De Santiago á Mariña luguesa e da Mariña Norte ao Sur, no mesmo día, a Monforte, a Sarria ou ao Cebreiro buscando vida para SEPES e para SIGALSA, a sociedade pública encargada de proporcionar aos empresarios solo para asentamento das súas industrias. Como universitario proporcionaba asentamento do coñecemento nos estudantes emprendedores. Un luxo de profesor asociado de verdade.

O seu pai, Edelmiro, os seus fillos, Manuel, Alicia e Susana, e nós, xunto con Ana e todas as súas amizades, familiares e colegas, choramos a súa ausencia e sabemos que del queda o recordo, unha magnífica estampa gravada na memoria, un boísimo e grande recordo, incapaz de borrarse na vida dun home, por longa que sexa. Grazas, Manolito, por responder sempre coa mesma cordialidade, con atención e con moita amabilidade, con cortesía e xenialidade. Moitas grazas por ser como eras.

Grazas, Manolito
Comentarios