Opinión

Final do celibato

As igrexas están pechadas, teñen as súas portas todas pechadas e o cura non da feito, corre, os sábados e domingos, de lugar en lugar, vai alternando como pode, este sábado aquí, mañá alí, o vindeiro fin de semana noutro lado e tódolos días cansado, ao ver que lle fan pouco caso, que non o coñecen os novos, que non o escoitan. O cura anda á presa e enfadado. Vai rezando o responso no coche, ao mesmo tempo que pensa na lectura que corresponde, na hora que debe chegar a outra parroquia e nos poucos feligreses que atopa.

Cada vez son menos curas. Non dan chegado a tódolos sitios. Nas cinco dioceses de Galicia hai unhas 3.643 parroquias. 1.071 na diocese de Santiago, 422 na de Mondoñedo-Ferrol, 1.139 na de Lugo, 735 na de Ourense e 276 na de Tui-Vigo. E, cantos cregos ten aquí a igrexa católica? Poucos, moitos menos dos que tivo. Como di, con certa graza, unha amiga da Tía Manuela, “chegan ben”, aínda que a Conferencia Episcopal aporta datos para facer saber que en 2015 ordenáronse cento cincuenta novos curas, algúns máis que no ano anterior. Neste curso académico nos seminarios galegos están matriculados para estudar Filosofía e Teoloxía cincuenta e cinco seminaristas e mil trescentos en tódolos seminarios diseminados polos territorios do Estado.

Dende o ano 1935, a Comisión Episcopal de Seminarios celebra o ‘Día do Semanario’, o dezanove de marzo de cada ano (este, por razóns de calendario, foi o pasado domingo) co obxectivo de fomentar a vocación pastoral nos mozos, pero a colleita, o froito nas últimas tempadas foi contado. Parece que non hai moito que facer, se non hai vocación, non hai crego. E, por riba, a Igrexa ten que enfrontarse á loita daqueles que defenden a final da era do celibato. Queren abolir a norma promulgada e confirmada no I e no II Concilio de Letrán, respectivamente, en 1123 e 1139. Tratase dunha loita que moitos comparten e coa que se solidarizan moitos outros.

Informacións periodísticas solventes contan máis de noventa mil curas casados en todo o mundo (seis mil cincocentos son españois). Non se entende nada, ninguén sabe a razón pola que a Igrexa pecha as portas á convivencia e ao amor. Probablemente, de seguir así, a Institución quedará para sempre amarrada á súa acelerada redución e os homes, como Luis Buñuel, converteranse en ateos, grazas a Deus.

Comentarios