jueves. 06.08.2020 |
El tiempo
jueves. 06.08.2020
El tiempo

Felices novidades!

Os discursos dos políticos son moi malos de entender. Hai quen pensa que están feitos para que non se comprendan, para non dicir nada, para dicir unha cousa e facer outra: a contraria, por exemplo. Falamos dos políticos e poderíamos falar das políticas, das que andan buscando a vida e o salario de alto nivel, daquelas que buscan e perseguen a renovación, pero non cambian nunca, suben, baixan e andan lixeiras, durante décadas, polas escadas, escanos e andares dos parlamentos, coa fixación posta no cambio, fundamentalmente no cambio que leva a unha mellora da casta. Aquí hai igualdade total entre eles e elas, non se percibe desigualdade de xénero, non, non.

A desigualdade está na cabeza, na razón e moitas veces pegada, mesmo arrimadiña, ao corazón, ao alento dos que viven da política e distante, poida que moi distante, dos que votan e pagan. Por certo, a cidadanía é quen sufraga os gastos da administración, dos funcionarios, das funcionarias e, logo, daquelas persoas que viven, traballen ou non, da política, de todos os que levan anos na procura de «arranxar o país». Entre eses sacrificados loitadores, hai quen pensa que «o pais non ten amaño». 

Cantas persoas viven da política? Deputados, consultores, conselleiros, concelleiros, alcaldes, asesores, senadores, delegados, subdelegados, directores e secretarios xerais, presidentes de entidades públicas, vicepresidentes, amigos e inimigos con características comúns e/ou ben diferenciadas. Cantos serán? Serán moitos ou poucos? Non se sabe, depende de quen conte.  Valedora do Pobo,  Adxunta á Valedora, Secretario da Valedora e da Adxunta; conselleiros e conselleiras das distintas Áreas do Consello de Contas, do Consello Consultivo, do Consello Económico e Social, do Consello de Relacións Laborais e moitos presidentes ou directores doutros chiringuitos diversos, que falan por si sos. Son moitos ou son poucos?  

Aí están os políticos (elas e eles) con todo o rigor necesario ou, polo menos, conveniente, mellorando os seus salarios, buscando alternativas e procurando remedios. Algunhas veces parece que cantan en gregoriano, fan e desfán continuadamente, como se estivesen xogando co pan de nosoutros, sabendo como saben que «onde hai fame non hai pan duro». Bos días amigos lectores e felices novidades! 

Felices novidades!
Comentarios