Opinión

A escola

UN CIENTÍFICO destacado do século pasado, o físico Albert Einstein, coñecido pola súa teoría da relatividade e Premio Nobel, en 1921, polo seu traballo sobre o efecto fotoeléctrico, fixo achegas importantes sobre o proceso educativo e formativo das persoas. Entre outras cousas, dixo que "educación é o que queda despois de esquecer o que se aprendeu na escola". Unha escola que el quería para transmitir os valores da humanidade e procurar unha sociedade de cidadáns libres, creativos e xenerosos.

Albert Einstein dixo, entre outras cousas, que a "educación é o queda despois de esquecer o que se aprendeu na escola"

Non esta nada mal! Sería perfecto ver aos milleiros de nenas e nenos, de mozos e mozas que nestes días se incorporan ás escolas e aos colexios de Galicia, dando ilusión, colorido e vida ao presente e facendo que o futuro sexa aberto e harmonioso para todos, sen ningunha distinción. Sería bonito verlles incorporar ao seu haber valores, educación e formación que permitan unha sociedade máis xusta e, xa que logo, máis igualitaria e con total respecto duns e dunhas polas outras e polos outros.

A escola é a porta do futuro. O día 12 deste mes, uns douscentos mil escolares de educación infantil e primaria comezaron o curso e, o día 15, foi a quenda dos de secundaria (ESO) e dos de bacharelato, cerca de cento cincuenta mil. Agora, Galicia pode presumir de ter unha escolarización plena (acadouse esta meta na metade dos oitenta, cando o de Chantada, Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, era conselleiro do ramo). Galicia, de modo especial, pode presumir e alardear do traballo de todas e cada unha das persoas que integran os cadros de docentes, das que realizan tarefas administrativas e de servizos, e de moitas das que participan no sistema, entendendo que na escola é necesario rexeitar o autoritarismo e fuxir do tafo e da arbitrariedade dos mediocres.

A escola galega prézase de cumprir cun dos seus principais obxectivos, o de ensinar e, ao mesmo tempo, xunto cos pais, nais e familiares dos rapaces e, ao par da sociedade enteira, configurase como un referente no andar educativo dos máis novos, as nenas e nenos, que serán de inmediato as mulleres e os homes que seguirán comprometidos coa transformación do mundo ou, polo menos, empeñados en arranxalo, aínda que sexa nunha soa tarde, mentres o patio baleiro, na poesía de José Manuel de Lara, repite o eco dos cantos e dos rezos.

Comentarios