Opinión

En que pensarán?

MILLEIROS de hectáreas de monte arrasadas, milleiros de lugares ennegrecidos pola desfeita, afumados e ardidos, tal como se queimaban as cozas das uces para facer o carbón na Rodela. Brigadistas atrapados e a maioría desconsolados, como a veciñanza que anda na procura de arredar aos animais e ás casas dese burato negro, da morte por asfixia, por insuficiencia de todo.

As bágoas campesiñas e amigas, as dos vellos e nenos, homes e mulleres, xa son insuficientes para reter ese lume que trae ao seu paso un rastro de miseria, coa penuria apelicada, cun enorme impacto a nivel emocional, económico, ambiental e sentimental. Pasa destruíndo todo, a materia e a memoria, os corpos e as almas da nosa xente. E, non hai quen o pare. Escapan os lobos, os xabarís, os corzos e os corvos, pero Xan de Vilar non quería marchar da súa casa courelá. Tiveron que levalo á forza e a contra gusto.

Os da Galicia rural, os das vilas galegas e os das sete cidades mostran (mostramos) toda a solidariedade coas vítimas do lume, con aqueles que sofren por mor do lume, da calor do lume e do fume do lume. Esa conversión rápida de todo en nada é a tristeza cravada no corazón e no ser de cadaquén, traída polas lapas candentes que van e volven cada ano, sen que os administradores do público saiban nada.

Parece que os lumes se apagan mellor con prevención, con coidado e con anticipación; mantendo o monte limpo e preparado para producir, como estaba daquelas, mesmo a mediados do século pasado, cando os homes e as vacas araban coa cambela, para cavar coa aixada e queimar a broza e a terra naquelas tolas que fumegaban tres ou catro días.

No monte ou no labradío, os paisanos labregos gardaban o lume na boleira da besta, do cabalo, do burro ou da mula. Sabían ben que alí estaba discretamente mantido e preparado para acender durante un longo período, sabían todos eles que o lume non escapaba aínda que lle sopraran e non chegaría nunca, nunca xamais, á aldea, ás casas de ningún lugar.

Dio moi ben a Tía Manuela, «que invistan en prevención, para aforrar en lamentos e gastar menos en extinguir tantos lumes». Aí estamos, lamentando cada ano como se vai a pouca Galicia que queda, chorando polas desgracias, bramando polo moito que perdemos e que non poderemos recuperar nunca máis. E aqueles, os culpables, en que pensarán?