jueves. 24.06.2021 |
El tiempo
jueves. 24.06.2021
El tiempo

Eidos con sucos de historia

A PANDEMIA e o confinamento, por mor dela, fixo estragos en moitas casas, en familias xa derramadas pola situación difícil, incomprensíbel e certa; desarmou sistemas de equilibrio social, puxo en marcha medios de enriquecemento duns poucos e obrigoulles a moitos a reflexionar sobre aquelo no que querían afondar e meditar, do que querían escribir, falar e divulgar. Aproveitando a retirada e a permanencia na casa, aquel que foi un dos máis destacados políticos galegos na historia recente de Galicia, Víctor M. Vázquez Portomeñe, puxo nas librerías do pais, nas redes socias e nos recantos literarios que nos quedan, Brianda de Moás.

Unha magnífica crónica na que mestura o real co imaxinario, coa que narra, cunha fermosa prosa, acontecementos ben coñecidos polos andares da historia desta Galicia nosa ou desta nosa Galiza. Que máis dá! o autor conta, na publicación da editorial Hércules, como un galego segundón, nado nunha familia sen nobreza polos anos do último terzo do século VIII, vai ser testemuña e relator en primeira persoa dunha auténtica saga de amores e batallas diversas.

Estamos diante do froito da actividade pensada, meditada, escrita e presentada por un intelectual que exerceu e que o fixo ben como político, para recrearse agora nos seus éxitos literarios. Brianda de Moás aparece despois doutra obra da mesma editorial, na que o mesmo autor conta como el viviu os aconteceres sociais e políticos da historia recente de Galicia.

Probablemente, o fito máis importante deste período histórico fose o Xacobeo, ese proxecto de Vázquez Portomeñe que o obrigou a ser testemuña e parte. Pero, quen era Brianda de Moás? nos congresos sobre o Camiño, nas cátedras do Camiño, nos foros máis diversos e nos altares xacobeos xa se fala dela.

As súas son terras dos territorios de Galicia de hai máis de mil anos, de taboada, Chantada e Rodeiro, de ourense e osaviñao, de terra de Lemos, do incio, sarria e samos. terras de romeiros e de batallas esquecidas. Historia, lecturas e vivencias mestúranse nesta novela descritiva, documentada e con trazos perfectos nos eidos da xeografía. eidos con sucos de historia auténtica, guiados polo esplendor dos camiños que acaban en Santiago de Compostela. Aí o vemos, o seu final, a meta, está na súa orixe. Xa o dixo a tía Manuela, "o Camiño vai seguindo e remarcando as pegadas da historia".

Eidos con sucos de historia
Comentarios