Opinión

Diego Bernal

UN DOS grandes do xornalismo galego dos novos tempos, Diego Bernal López, volveu a xunto de nós para permitirnos manter viva a súa memoria, tal como nos gusta a todos os que o coñecemos. Foi pola festividade do patrón dos escritores e periodistas, San Francisco de Sales. Estivo placidamente, como cando se sentaba cos colegas, con café copa e puro. Diego Bernal, Bernal, Diego, o xornalista de Efe, o delegado, foi tamén o marido, compañeiro e amigo de Nieves, a profesora lucense que cartografaba cos seus estudantes de xeografía un país senlleiro, único e marabilloso, como o noso.

Volveu para que outro dos xornalistas galegos que anda facendo patria polas redaccións dos medios de comunicación madrileños, Bieito Rubido, despois de acadar varios éxitos profesionais nesta Galicia de todos, fora recoñecido co premio que leva o nome do amigo, o ‘Diego Bernal’ 2018, un galardón que lle outorgou a Asociación de Periodistas de Galicia, a que preside Arturo Maneiro Vila.

Bieito Rubido traballa no xornalismo como autor, promotor de iniciativas, inspirador de talentos, xestor e mecenas de eventos que xeran ilusión nos profesionais principiantes

Bieito, director do xornal ABC e que moi ben merece este e outros premios, traballa no xornalismo como autor, promotor de iniciativas, inspirador de talentos, xestor e mecenas de eventos que xeran ilusión nos profesionais principiantes, nas mozas e mozos que se achegan ao xornalismo con todo o peso da vocación na mochila.

En Madrid, é un referente no xornalismo, igual que cada un dos integrantes do Club de Xornalistas Galegos e como foron Luís Mariñas, Martín Ferrand, Landeira, Cunqueiro, Blanco Tobío ou o entrañable Borobó, Raimundo García Domínguez, entre outros mestres excelsos desta profesión de transmisión de información e coñecemento do acontecer diario á sociedade.

Cada vez que Bieito anda polos soportais das rúas de Santiago de Compostela, observa como as pedras seguen en conversación distendida con Bernal, que as escoita atentamente, mentres outro xornalista da mesma talla, Emilio Lavandeira, sentado ao carón da xanela, debuxa co seu lapis a un reverendo ou a un cura calquera con sotana, con barriga grande e anteollos de cristais gordos. Foron amigos e agora, por mor deste premio, os xornalistas quedarán unidos eternamente.

Comentarios