Opinión

Días de incerteza

O RIGODÓN era o baile co que se abrían as festas ao longo dos séculos dezasete e dezaoito. A música coa que se amenizaba este baile tamén era rigodón e tan pronto comezaba a soar, as parellas adiantábanse ao centro da aira e bailaban. Ao parecer esta danza é de orixe provenzal e -como se viu estes días pasados- calou fondo nos miolos e no corazón dalgún dos políticos actuais. Que bonito! O deputado de Anova, o máis vello do parlamento de Galicia, Xosé Manuel Beiras Torrado recoñeceu o outro día que esta danza tamén é de políticos e políticas, «levamos meses dun baile de rigodón no falso Versalles madrileño».

Certo!, señoría, ten vostede razón, aínda se van mancar batallando, cantando, bailando ou teorizando sobre a liberdade para facer cada quen o que lle veña en gana, falando do sexo dos anxos e obstruíndo calquera tipo de marcha adiante, poñendo paus na roda do adversario, para que a súa derrota sexa maior que a propia. Poida que algún dos bailaríns remate a lexislatura de baixa, ferido e mancado de tanto esforzo.

"Xosé Manuel Beiras Torrado, o máis vello do parlamento de Galicia, recoñeceu o outro día que «levamos meses dun baile de rigodón no falso Versalles madrileño"

Hai quen pensa que debería tratarse do chotis e a moitos gustaríalles que, de bailar, bailasen muiñeiras, sardanas ou, mesmamente, o aurresku, danza a modo de reverencia na que pon música un chistulari e que é baile do pobo e dos selectos deputados e alcaldes. Digo ben, en masculino, xa que as mulleres aquí non danzan, quédanse quietas mirando como lles baila o aurreskulari. Obviamente, á señora Susana Díaz acordaríaselle o flamenco, pero quizais sexa enredoso para bailar a diario no Parlamento. Ten razón a súa señoría de Anova, o rigodón é a danza axeitada para bailar e para exemplificar, nestes tempos nos que o máis pintado treme.

Nestes días de incerteza, previos ás transcendentais decisións persoais e colectivas, tremen e bracuñan sen xeito e sen dereito os políticos da mirada firme e os que non saben nada, nada de nada do que vai ser. Xa «pasou o que pasou» e poida que volva a pasar. Mentres tanto, no Parlamento alguén debería dicir algo, alguén terá que bailar a última peza e parar a festa para que as señorías, sabedoras de que ninguén é imprescindible, se comprometan cun futuro limpo e que repare igualdade de oportunidades, igualdade de medios, igualdade real en tódolos aspectos. Amén!

Comentarios