Opinión

Deberes, por que non?

OS NENOS e nenas que principiaron recentemente o curso escolar, andan desconcertados estes días e sumidos no medio dunhas enormes discusións teóricas sobre os deberes escolares. Discusións que manteñen sabios en desacordo e outros actores que tampouco teñen iguais puntos de vista. Segundo os expertos nesta delicada materia, os deberes deberían servir para que se desenvolvan habilidades que favorezan a aprendizaxe e para reforzo da mesma, para que o estudantado adquira hábitos de estudio, estratexias de resolución de problemas e, quizais, tamén para avaliar a comprensión do alumnado e, incluso, a profesionalidade do mestre ou da mestra, responsable da asignación das tarefas que os nenos e nenas levan para a casa.

Parece que o importante dos deberes é o proceso da súa realización e non só os resultados

Antonio Valle Arias, catedrático de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da Universidade da Coruña, un dos profesionais recoñecidos polo seu traballo e as súas investigacións neste eido, considera que non se trata de "deberes si" ou "deberes non". Hai que ver os distintos matices, hai que pensar para que? E, sobre todo, á hora de asignar os deberes, cómpre ter en conta o tempo que os escolares van a investir na súa realización, as axudas coas que van contar e os resultados que se van acadar cos mesmos na escola.

Os deberes son unha ferramenta que debe manexar o profesorado para coñecer como aprendeu e asimilou o alumnado aquilo que se traballou na aula. Polo tanto, hai que repensar ou directamente erradicar os premios e os castigos por mor dos mesmos. Parece que o importante dos deberes é o proceso da súa realización e non só os resultados. É obvio que son obrigas, tarefas obrigadas e marcadas polos docentes, sen que haxa un consenso sobre as mesmas e, menos aínda, sobre a súa eficacia.  

Quen fai os deberes? Cal é o papel dos pais ou das pasantías? Se é o caso, a quen avalía o mestre? Se penaliza ao neno ou nena que non fixo os deberes, a quen premia? Que sente o profesor ou profesora cando observa que un grupo dos seus estudantes non acadan os obxectivos, igual que outro, tan numeroso como o primeiro, que contou con apoios para facer os deberes? Naturalmente, solo resultan eficaces as tarefas escolares se as fai o alumnado e se coa súa elaboración mostran a eficiencia do traballo na clase. En Galicia, deberes si. Por que non? Pero, como di a Tía Manuela, con cordura.

Comentarios