jueves. 26.11.2020 |
El tiempo
jueves. 26.11.2020
El tiempo

Deberes escolares: Si, pero...

OS DEBERES noutras épocas non tiñan máis nomes. Eran iso, os deberes, obrigas escolares dos rapaces, beneficiosas para a súa aprendizaxe. Agora, nestes tempos novos son tarefas para a casa, tarefas extraescolares ou como cadaquén queira chamarlles. En youtube hai moitos vídeos sobres este tema. Un deles, Deberes escolares _MITCA, tanto na súa versión en galego como en castelán, fai aclaracións importantes sobre prescrición destas tarefas.

Ao parecer dos expertos, son un recurso educativo, son convenientes, pero... Pero a súa andaina debe axudarlle ao alumnado a mellorar a xestión do tempo, deben ser sensibles á diversidade, servir para o seu progreso académico e para a necesaria autoavaliación e corrección.

Un grupo de investigación en Psicoloxía Educativa da UDC, dirixido polo catedrático Antonio Valle Arias, e do que tamén forman parte Susana Rodríguez e Isabel Piñeiro, creou un Método de Implementación das Tarefas para a Casa (MITCA) e aconsella que sexan diversas, concretas, valiosas e semanais. Semanais ou diarias terán que ser coa "nova normalidade" educativa, que –por certo– se é nova non é a normalidade.

Estes psicólogos, profesores e mestres de mestres saben e explican a importancia do traballo na escola e na súa contorna, atendendo a aquelas tarefas diversas e de repaso do aprendido, ensinando a desfrutar do valor do saber, e das rutinas e da planificación periódica do tempo. Un tempo que comeza a ser diferente, que vén marcado polos aires novos, polas novas correntes de opinión, polas brisas dos mares de lonxe e polas néboas matinais nas que se enterran e se enzoufa o saber dos que saben e o poder dos aspirantes a mandar sen saber.

O ensino está en transformación permanente e os ensinantes sofren cando se relantizan ou se minoran os valores, cando se perde o norte, cando a sociedade queda queda e calada, cando se agranda ese mal que demora o desenvolvemento e fornece a ignorancia, que, segundo dicía a Tía Manuela, "é peor que calquera pandemia, por mala e mortal que sexa". Os novos procesos de formación parecen condenados á distancia, á telemática, ao silencio e ao individualismo, lonxe dos procesos de cooperación e interacción que noutrora tanto se apreciaban e valoraban. Que Deus nos colla confesados!

Deberes escolares: Si, pero...
Comentarios