Opinión

Carne de cabalo

ELES COMÍAN carne dos cabalos que coidaban, das ovellas ou das cabras que criaban e pastoreaban, dos porcos que cebaban e das aves que voaban, de todas as que tiñan alas e voaban. Guisaban os paxariños que cantaban e as perdices que os cazadores mataban. "Todo o que non mata engorda", dicía aquel carniceiro que mataba para que a xente puidera comer. E quería que todos comeran de forma saudábel, produtos naturais, graxas non saturadas, verduras e legumes a esgalla.

Para comer ben, os teóricos, expertos e gastrónomos modernos insisten en que cómpre consumir alimentos frescos, vexetais e froitas, cereais en abundancia, igual que legumes, froitos secos e sementes sen sal e sen tostar. Carne, sexa roxa ou branca, pouca e cada moito tempo. Tamén son bos os ovos das galiñas ceibes e as mesmas galiñas enteiras. O caldo de galiña era para as mulleres cando parían, para as mulleres do rural, onde sempre había unha pita vella.

E a carne de cabalo, onde se compra? Noutros anos en tódalas cidades de Galicia había carnicerías diferenciadas e distintas, con esta carne valorada, reputada e saborosa. Pobres cabalos! Pobres pavos e pobres polos! Pobres peixes do mar que pican no gancho! Pobres aqueles que non teñen que darlles de comer aos seus fillos! Maldita miseria!

A moitos gústalles comer carne de cabalo ou de ovella vella, da cabra marela ou da vaca parda. Outros non poden comer nada disto, non teñen nada para comer. Os datos din que na actualidade hai no mundo uns setecentos millóns de persoas que teñen fame e, segundo Nacións Unidas, morren por esta pandemia uns oito mil cincocentos nenos cada día. Maldita fame!

As guerras e os conflitos armados son dúas das causas desta miseria que mata e que obriga a vivir no sufrimento a moitas persoas, a moitas que teñen que estar en desprazamentos permanentes, na procura do que non atopan, do que lles negan os que teñen algo máis, aínda que sexa moito máis.

Un dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), propostos por Nacións Unidas e relativos ao desenvolvemento internacional futuro, é acadar a "fame cero" e lograr a seguridade alimentaria antes do 2030. Así, o mundo entraría nunha fase de mellora da nutrición, que esixe unha agricultura sostible. Como di a Tía Manuela, "é moito hora de pensar na erradicación da pobreza, de poñerlle freo ao cambio climático e de esixir xustiza e igualdade".

Comentarios