sábado. 31.10.2020 |
El tiempo
sábado. 31.10.2020
El tiempo

Os Camiños, vida e futuro

GALICIA É un Camiño ou está no Camiño? É un pracer andar pola nosa terra e atopar vestixios xacobeos por todas partes, ver como a xente aprecia, coida e quere ao Camiño de Santiago, probablemente a industria máis importante que opera, nestes tempos, na nosa terra e que dá traballo e satisfacción para seguir camiñando. Ata onde chegaremos hoxe? E, mañá, para onde iremos? Estamos neste camiño baleiro de xente e de alegría e camiñamos cara ao mesmo sitio, tratando de superar as dificultades, intentado vencer aos contratempos, mirando para a meta, para esa meta que se acerca cada ano, cada mes e cada día.

Os camiños son comunicación, transparencia, ilusión, tránsito e cultura. En Galicia temos camiños que veñen e tamén dos que van e volven, camiños de peregrinos e camiños nosos, de nós e de vós. Temos patrimonio asentado nas beiras dos camiños, no medio do camiño e entre camiños. É un gozo ver como os Camiños de Santiago lograron unir e vertebrar a un continente, como acadaron unir, en moitos aspectos, á Europa dos pobos. Dicíao moi ben Celia, unha estudante da Universidade de Santiago, ao volver dunha estadía dun ano na Universidade de Trieste: "Os Camiños de Santiago e o programa Erasmus son o sentir e o ser da Europa unida".

O mundo anda polo Camiño, vai paseniño cara a Santiago de Compostela, seguindo as pegadas da historia e as etapas marcadas polo Códice Calixtino. En Galicia temos camiños a esgalla. Somos o Camiño que vai dereitiño a xunto do Apóstolo, para que os camiñantes poidan falar con el, rirse con el, abrazalo nas alturas do altar, ofrecerlle o ouro e o mouro, e seguir andando tranquilamente como se o deber estivese cumprido ou a punto de ser cumprido.

Moitos Camiños, pero o Primitivo foi unha liña permanente de pasos durante os primeiros séculos da andaina (IX e X). Foi motor de creación de cidades, vilas e lugares de apousento de poboación, un itinerario que atravesa Asturias e Galicia, polo Acevo, acariñado pola xistra e os seu peregrinos lambidos pola néboa mollada. O Camiño Francés impón, aínda máis, respecto; entra en Galicia polo Cebreiro e segue cara a Santiago de Compostela con toda a influencia e co enorme orgullo das pegadas xacobeas que trae de atrás e de sempre. Ánimo e adiante! Como di a Tía Manuela, "tódolos camiños difunden cultura e fan historia, son vida e son futuro".

Os Camiños, vida e futuro
Comentarios