Opinión

Cada ollal co seu botón

AQUEL HOME de pelo branco e barba negra pon o seu ollo sempre no mellor. El, como todos, é consciente da dificultade de elixir nalgúns casos. Daquela, escolle o primeiro que mirou e sempre lle sae ben. Noraboa, compañeiro!, dicíalle Gumersinda, unha moza da súa idade que nunca ata ese día respondera á mirada, a veciña que traballaba ao seu carón naquela pequena fá- brica do lugar máis visitado polas xentes do concello e polos forasteiros que se acercaban para comprar botóns de calidade, para tódolos ollais que fan as multinacionais do téxtil, que non son poucos.

Gumersinda dáballe voltas á cabeza para entender como aquel home podía vestir, con tanta elegancia, camisa e cazadora sen botóns

Milleiros de ollais para infinidade de lapelas, de petrinas, de mangas largas. Para vestidos de mozas e mulleres, para os abrigos e gabardinas de ambos sexos, para as blusas, calzóns, camisetas, camisas e, incluso, ollais para os botóns das gorras ou para os petos, abran ou non abran. Neste último caso, poden ser ollais cegos, de pura aparencia, aínda que efectivamente á primeira mirada dean a sensación e a impresión de que son botoeiras verdadeiras. Cada ollal co seu botón, igual que as ovellas, cada unha coa súa parella. E os botóns, grandes e pequenos, todos cos seus furados.

Gumersinda dáballe voltas á cabeza para entender como aquel home podía vestir, con tanta elegancia, camisa e cazadora sen botóns, sen ningún botón e cerradiñas ámbalas dúas prendas. Se todos fixesen o mesmo a fábrica de botóns debería de reconducir a súa capacidade produtiva. Por agora, parece que non hai problema. Tanto é así que o goberno non ten previsto subvencionar neste ano aos fabricantes de botóns. "Se fai falta, cando se elaboren os orzamentos do vindeiro exercicio, mirámolo", dixo o presidente. E, se o di o presidente, será certo? Por un ano, poida que si, mentres tanto, tranquilidade.

Aquel home, un deseñador de prestixio e renome, ven de encargar un estudo a un equipo de profesionais, especialistas en socioloxía da moda e psicoloxía da persuasión. Todos respectuosos coas cuestións de xénero e dispostos a asegurar a indiferenza diante da botoeira á dereita ou á esquerda nas prendas de vestir, de homes e mulleres. Os resultados serán un paso importante no camiño sen retorno cara o que máis dá!, rachando, se é preciso, cos costumes ancestrais.

Comentarios