Opinión

Bo Camiño!

PARECE que foi onte, pero estamos no vinte e cinco aniversario do Xacobeo 93, aquel enorme programa de promoción e dinamización económica e cultural de Galicia. Probablemente, o proxecto máis serio, produtivo, rendible e cooperativo de todos os que se puxeron en marcha nos últimos anos en Galicia e fóra dela. Aquel proxecto que arranca dunha idea (sinxela e brillante) de Victor Manuel Vázquez Portomeñe e que contou coa aprobación unánime do Parlamento de Galicia e aportacións da sociedade galega enteira, de milleiros de asociacións, institucións gobernamentais e non gobernamentais e outras tantas personalidades mundiais de tódolos ámbitos do facer e do saber.

O Xacobeo-93 merece festexo neste vinte e cinco aniversario, cando estamos a poucos anos doutro que "pinta ben", o Xacobeo-21, para o que xa se reforzou a estrutura organizativa, designando á ourensá Cecilia Pereira Marimón como comisaria. O Xacobeo é un evento permanente, un motor para o despegue de Galicia, unha riqueza para fomentar o intercambio de culturas, para acentuar os valores da tradición e da modernidade, da solidariedade, da amizade, da concordia e da pertenza.

O Xacobeo é un evento permanente, un motor para o despegue de Galicia, unha riqueza para fomentar o intercambio de culturas e para acentuar os valores da tradición e da modernidade

As asociacións de Amigos do Camiño están en marcha e van, sen présa e sen demora, dando sinal de que algo acontece. O Premio Elías Valiña convocouse outra vez e, ao parecer, servirá de guía para expoñer o coñecemento acumulado e darlle forma á súa transferencia, entendendo que o coñecemento, como o Camiño de Santiago, é patrimonio de todos, Patrimonio Mundial. Así o declarou a UNESCO en 1993 e 2015. Na primeira das ocasións foi o Camiño Francés e, na segunda, foron as catro rutas ou camiños do norte, o da Costa, o Primitivo, o Camiño Lebaniego e aquel que vai polo interior, dende Euskadi ao Camiño Francés, por La Rioja.

Xa o dicía a Tía Manuela, cando se lle acordaba, Galicia é Camiño, está no Camiño e polas nosas terras, polos montes, bosques, leiras e prados, polos lugares pequeniños e moitos deles deshabitados, polas vilas que tampouco medran, polas cidades e polos descampados anda a xente tranquilamente peregrinando, cantando, bailando e mirando. O Camiño é vida, tránsito, esperanza e lembranza. Que o sexa por moito tempo! Prezados lectores, cara o futuro, bo camiño!

Comentarios