Opinión

Atención e respecto

TODO ESTÁ parado esperando o consello dos que saben, dos que aprenderon e aprenden. Quen son? Tampouco se sabe. Non se sabe nada dos que entenden, nin se entenden ou falan por falar. Incluso algúns pensan que se perdeu o significado das palabras, das verbas pronunciadas e dos textos lidos. A sociedade está en proceso de cambio (ou recambio) e cómpre entendelo así, agardando que sexa para ben. os sociólogos, psicólogos, animadores culturais, aplaudidores, voceiros de calquera tipo ou casta están, nestes tempos de incertezas, sen identificar o percorrido que lles queda para acadar a meta. Están perdidos no mar profundo e con moitas inclemencias, onde navegan os falangueiros.

Falar non ten cancelas. Sábeno ben os lectores e tamén o saben os que mandan, incluso aqueles aos que lles gustaría mandar calar. Silencio total no patio! E, aínda así, non hai ninguén que escoite. Moitos falan por falar, pero din pouco ou nada do pouco que saben. os mesmos integrantes do goberno andan ao pairo, pero eses non calan. Falan e falan e volven falar, pola mañá, pola tarde e pola noite, falan sen parar e de forma acompasada. Pero, que din?

Ninguén entende que está pasando con estes misterios da vacinación, das proteccións e dos coidados

Nada, os que andan nas artes da política non din nada e escoitan aínda menos, a pesar de que para todos eles o diálogo é o primeiro. Xa o dicía Platón, referíndose e definindo a filosofía, "diálogo silencioso da alma consigo mesma". Agora nestes tempos nos que vivimos, o máis importante de todo é a vacina para impedir o avance do covid-19. E aí está armada a guerra entre as farmacéuticas, silenciosa e agresiva, moi agresiva para a saúde das xentes que calan, que procesan a mensaxe e a súa contra no mesmo instante. Esas xentes que teñen (temos) medo, calan e esperan. Ata cando será conveniente estar en silencio?

Primeiro eran os máis vulnerables segundo a letra do seu apelido; despois eran os máis novos, de maior a menor idade; agora é difícil de saber a quen lle toca e, con tanta dificultade, ninguén entende que está pasando con estes misterios da vacinación, das proteccións e dos coidados. Mentres tanto, as políticas partidarias enceréllanse e os políticos responsables das mesmas avivan e agrandan  as  súas  disputas, como  se  fose  un  ben social. A Tía Manuela, neste caso, é contundente: "Cómpre impedir que vendan gato por lebre, cómpre esixir atención e respecto".

Comentarios