Opinión

As pegadas da historia

A Samos chégase en nada, por xunto dos muíños de Renche e por San Martiño, as pernas peregrinas andan soas, Alí, a monumentalidade é tan enorme que sorprende a propios e a estraños

A AMIGA foi como unha peregrina entusiasmada dende O Cebreiro ata Samos, con parada en Triacastela, entre o Ouribio e a Meda. Pasou polo Hospital da Condesa e polo Alto do Poio, bebeu na fonte de Fonfría e, polo Biduedo, baixou a Filloval e despois a Ramil. Enseguida chegou á vila e, tras unha pequena parada para ver os tres castelos representados na torre da igrexa de Santiago, seguiu por Pena Partida e parou en San Cristovo do Real. Foi a Lusío para ver a Casa Grande, onde naceu en 1804 Vicente Vázquez Queipo, político, académico e destacado científico na súa época, autor das tan usadas "Tablas de logaritmos vulgares".

A Samos chégase en nada, por xunto dos muíños de Renche e por San Martiño, as pernas peregrinas andan soas. Alí, a monumentalidade é tan enorme que sorprende a propios e a estraños. O Convento é todo, é historia e arte, é pasado, foi riqueza, escola, taller cultural de culturas diversas, centro primeiro do cristianismo, antes que Santiago, grande e hoxe solitario e moribundo centro de poder que se veu a menos, a moito menos.

Como Peregrina tamén foi a amiga, polo Camiño Portugués, dende Valença do Minho ata Redondela nunha mesma e longa tirada. De Redondela a Pontevedra, paradas en Caldas e Padrón, e a Santiago de Compostela. Quedou encantada. Por onde ela camiñaba, andaban milleiros de estranxeiros gozando e peregrinando. Era xente da boa, con raíces medrando en terra abonada coa cultura xacobea, co pensamento centrado na liberdade e coa ilusión posta nun mundo mellor, máis solidario, máis humano e máis limpo da broza contaminante.

Noutra ocasión fixo o Camiño Mozárabe, a Vía da Prata que dende Sanabria sube ao Padornelo e vai pola Gudiña, cruzando Campobecerros e baixando por Portocamba ata Laza. Parouse en Xunqueira de Ambía para vela Colexiata de Santa María e, decontado, seguiu camiño ata Ourense. Estes días de verán anda polo Camiño de Inverno, vai seguindo as indicacións da magnífica guía de José Rúa Pérez. Este Camiño nace en Ponferrada e os seus arredores vísteno de gloria. Neste caso, os camiñantes tamén seguen as pegadas da historia. A amiga, despois de cumprir con esta ruta, como a maioría dos peregrinos e romeiros, quere volver. Que así sexa!

Comentarios