Opinión

As árbores senlleiras

A capelo do ciprés. ARQUIVO

ABRÁZANSE entre si as árbores dos bosques galegos, axudan á economía, á saúde e á conservación da biodiversidade vexetal. Todas elas, de calquera especie, autóctonas ou chegadas de fóra, constitúen parte importante do noso patrimonio vexetal. Entre elas hainas de máis valor, aquelas que son verdadeiras reliquias botánicas, as que forman parte do catálogo de árbores senlleiras de Galicia, unhas cento noventa distribuídas polos diferentes territorios das catro provincias galegas.

Estas árbores con características especiais, polo tamaño, pola idade, pola súa significación histórica ou cultural, pola súa beleza ou pola súa rareza, están sometidas ou favorecidas por unha especial protección e todas elas, rexistradas e catalogadas. Son obxecto de estudo para os científicos e posúen un enorme e importante valor paisaxístico, didáctico, cultural e ornamental.

A regulación do Catálogo galego de árbores senlleiras vén dun decreto do ano 2007, modificado por outro, en 2015, que permite a inclusión na listaxe ou a descatalogación das árbores que, ao tenor dos xestores da burocracia, cumpran ou non cos requisitos establecidos.

A ciencia tamén se ocupa deste tema e o labor dos científicos presta un enorme servizo, axuda ao avance, á conservación e ao desenvolvemento de condicións apropiadas para que a cidadanía sume esforzos no coidado do medio ambiente e do entorno de cada quen, de cada regato, daquel penelo ou de calquera río, do arco da vella e de calquera soño. Soñando pódese camiñar e andando, todos son quen de soñar.

Ao parecer, segundo a tese de doutoramento de Gaspar Bernárdez Villegas, dirixida polos catedráticos da Universidade de Santiago Rosa Mosquera e Antonio Rigueiro, e presentada, a mediados do ano pasado, na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, débense incluír 42 novos exemplares e 16 formacións arbóreas na relación de árbores monumentais de Galicia.

Trinta e dous destes novos rexistros serían da provincia de Pontevedra, catorce de Ourense, nove de Lugo e tres da Coruña. Castiñeiros, cedros, o ciprés de Samos, pradairos, a magnolia grandiflora, o plátano de sombra e o abeto de Douglas son das especies propostas, xunto con algún carballo (Quercus robur). Xa o dicía a Tía Manuela, "Galicia é rica en fragas, pero cómpre coidalas e respectalas, atendelas, escoitar e falar directamente con cada unha das súas árbores".

Comentarios