Opinión

Aínda que chova

FALAR DO tempo é verdadeiramente apaixonante, moi interesante e de grande proveito para aquelas persoas que mañá teñen que saír de viaxe, para os agricultores que teñen que traballar ao romper o día, para todos os que dedican a súa xornada enteira ao transporte, para os deportistas, hostaleiros e guías de turismo, para os obreiros que andan nas alturas das estadas, para os paxaros que, como os estorniños e as andoriñas, van e veñen migrando en manadas; para as pombas mensaxeiras, para os mariñeiros do mar e para nós, cidadáns desta terra con alteracións climatolóxicas constantes, no verán e no inverno.

Agora, do tempo fala a ciencia, a meteoroloxía, quen se encarga da observación da atmosfera e quen traslada aos interesados os datos todos, "con certeza ou sen ela". Os paisanos xa non precisan mirar para ó lonxe coa man de viseira, non necesitan botar man das lendas nin dos ditos populares. Abonda con atender ao que di o do tempo, despois de calquera telexornal. Se chove, chove!, amigos lectores, pero nunca o fai a gusto de todos e afortunadamente "nunca choveu que non escampara". E, amais, que fai aquel que mira a chuvia, se non chove?

A Tía Manuela ben que o sabía e sempre dicía: "En Galicia, anuncien o que anuncien e predigan o que predigan, fai bo tempo aínda que chova"

Cando veñen esas borrascas profundas e teñen impacto nos bens e nas persoas, os organismos oficias de control meteorolóxico de España, Francia e Portugal danlles nome, como o fixeron, a partir de 2015, en Irlanda e no Reino Unido. A sarabia chámase Sara, Emma ou Carme, Bruno ou Nuno, de tal forma que o malo procede dalgo familiar ou veciñal e, con tal nome tan acaído, incítase á poboación para que estea máis atenta e para que sexa máis coidadosa e precavida. A precaución é conveniente, pero non será suficiente para evitar que o furacán, ese temporal, o ciclón que se achega e a bravura das tormentas arrasen todo canto se ve.

Do tempo depende a riqueza e, xa que logo, a pobreza dos homes, dos pobos e dos territorios. A meteoroloxía advirte das características dun determinado clima, estuda os fenómenos producidos nun tempo e nun espazo, guía a conduta dos navegantes e fai que a xente mire ao mal tempo con boa cara. A Tía Manuela ben que o sabía e sempre dicía: "En Galicia, anuncien o que anuncien e predigan o que predigan, fai bo tempo aínda que chova".

Comentarios