Opinión

A morte

A morte é poesía e é prosa para ler lentamente, para escoitar caladamente e para darlle valor á nada, a ningunha cousa

QUE É A MORTE? Ninguén quere explicalo. Parece que é quen de transmitir moita tristura e pena, é certeza absoluta, un paso seguro cara o recordo e/ou cara o esquecemento. O poeta mexicano, José Emilio Pacheco Berny, nun dos seus poemas, di que todo volve a ser po, xa que "é verdade que os mortos tampouco duran e que a morte non permanece". Hai sitios como a caverna deste poeta nos que "tampouco vive a morte" e hai quen pensa que é poesía, que é a vida mesma. Como a beleza, a morte é cousa profunda, dicía Victor Hugo. Que cousa! A morte "é cóncava e escura e tibia e silenciosa".

A morte é poesía e é prosa para ler lentamente, para escoitar caladamente e para darlle valor á nada, a ningunha cousa. Silencio, paz e nada máis. A acordanza dos amigos que morreron, mantenos entre nós, para que segan canda nós, cando menos, escoitando e participando cos seus sabios consellos, coa súa sabedoría plena e, cada un, coa súa alma chea de amizade e bonhomía.

Sen abusar da súa benevolencia, amigos e amigas, quero recordarlles que a Tía Manuela entende a morte como "unha viaxe sen retorno", un tránsito infinito, cun tempo infinito, cara ao infinito mesmo. Onde estará? Alá adiante, á volta da esquina, alí está o sitio que buscamos, á volta da esquina. Nesa esquina que nunca ves, que non sabes por que é esquina e que ninguén entende que hai detrás da mesma, diante dela ou nela mesma.

Aos meus amigos Manolito Balseiro, Ramón Muñiz e Timoteo Álvarez quero seguirlles o rastro dende a mesma esquina onde os perdín. Aos tres na mesma ruta e, probablemente, na mesma dirección, a única que nos queda aos que pensamos que aínda seguimos vivos. Vivos ou mortos, que máis ten! A vida e a morte son como táboas planas que se sitúan en procesos continuados e alternos, de curta e de longa duración. Pero, algún día, morre a alma da xente? Si e non, ao mesmo tempo, como sempre, como sempre foi e será. Despois da vida vén a morte, esa andina cara aló, con traxe negro.

Aos que lles queda a esperanza son verdadeiramente afortunados, para os que a perderon queda a filosofía, as lecturas dos filósofos que razoan e avalan os seu razoamentos con principios e argumentos. Cada un ao seu, sabendo que estamos diante dun túnel escuro, que precisa moita fe para que entre unha raiola de luz, sen posibilidade de verificación.

Comentarios