Martes. 25.09.2018 |
El tiempo
Martes. 25.09.2018
El tiempo

A lagarta de Modesto

UN ANIMAL de compañía, unha persoa ou cousa que alguén leva consigo pensando que lle dá boa sorte é, segundo a Real Academia Galega, unha mascota e no mundo hai centos de millóns delas, a maioría son gatos, pero tamén hai cans dabondo dedicados a este cometido, uns cento oitenta millóns, segundo as estatísticas. Peixes, aves, réptiles e anfibios son menos, igual que son moitos menos os outros mamíferos, nas casas do vecindario. Sofía, unha amiga dos paxaros, tiña no seu cuarto un pichón que quería ser pomba bonita e, tan pronto puido voar, aquel día á mañanciña, foise, marchou para sempre.

Chicho da Ferrería tiña ás troitas do río como mascotas de seu. Aloumiñábaas, chamábaas e elas, as grandes e as pequenas, respondían sempre. O seu corno, ao soprarlle, emitía tres sons diferentes. Os tres podían ser graves ou agudos. Cun deles alertaba ás troitas cando se acercaba unha situación de perigo, para que fosen correndo e se esconderan detrás dos coios. Con outro dos sons, dáballes conta de que había comida e tranquilidade na charca do río, e coa terceira tocata chamábaas para que bailaran e bailaban diante do público que as miraba con estupor e abraio.

Despois dos gatos e dos cadelos, os peixes de auga doce constitúen o terceiro grupo de animais máis populares como mascotas en todo o mundo

Despois dos gatos e dos cadelos, os peixes de auga doce constitúen o terceiro grupo de animais máis populares como mascotas en todo o mundo. Vístense de distintas cores e navegan por millóns de acuarios de casas e de oficinas, de establecementos públicos, de centros sanitarios, e de lugares de repouso e recreo. Nadan e nadan, aboian, comen e enrólanse sen dicir nada, facendo certo aquilo de que "o mellor dos animais é que non falan demasiado".

Coellos, furóns, xerbos de cor parda e rabo longo, cobaias, e moitos outros mamíferos de tamaño pequeno acompañan as vivencias de moita xente e axúdanlle a esquecerse do medo á soidade. Son, sen dúbida, verdadeiros amigos, deses que non che impiden pensar en voz alta, como a lagarta de Modesto, ese home que vive no último andar dunha casa con sete pisos e ten na terraza soleada a compañía da súa mascota, Pinta, de cor entre marrón e verde e de auténtica fermosura cando sube pola súa perna movendo o rabo.

A lagarta de Modesto
Comentarios