Lunes. 16.07.2018 |
El tiempo
Lunes. 16.07.2018
El tiempo

A calar!

TODO CAMBIA e sempre avanza, unhas veces para ben e outras, cara atrás. Nestes días pasados a prensa deu conta dunha nova interesante ou, cando menos, curiosa, referida ás matriculas dos coches en Dubái, onde queren que sexan portadoras de datos suficientes e dispoñibles para que as ferramentas informáticas dos axentes, na quenda que lles toque de traballo, poidan coñecer todo o historial do vehículo e do seu dono ou dona, simplemente mirándoas para co ollo intelixente de cristal que gardan no peto moitos dos integrantes do numeroso colectivo de inspectores.

Os habitantes deste Emirato, un dos sete que constitúen os Emiratos Árabes Unidos, estaban acostumados a traballar recollendo dátiles e perlas, pero, a partir de mediados do século XX, o gas e o petróleo convértense, xunto co turismo, nas principais fontes de ingresos e a riqueza dálle unha volta á súa forma de vivir. Para establecer un control axeitado, como procede e convén, os que mandan queren que o sostén da súa economía dependa da súa información, nesa sociedade do coñecemento da que tantos tanto falan, enténdana ou non.

A tecnoloxía vaise presentar como un medio para simplificar os procesos de ordenación do tráfico no mundo dos ricos. E, así será

A nova modalidade de matrículas de coches e motos experiméntanse en Dubái e logo exportaranse ao resto do mundo, para facilitar o labor dos axentes da autoridade e para que ninguén teña nada que dicir. A matrícula tecnolóxica será quen o cante todo, os anos do coche, a data das revisións, os lugares por onde andou, a identidade do propietario e as súas garantías económicas, os gustos da familia, os costumes de cada un, os estudos dos rapaces, as notas dos traballos presentados na clase e o resumo acabado dos libros de préstamo. Todo, absolutamente todo estará á vista na matrícula intelixente do coche, grande ou pequeno.

E, quen pagará a conexión á central de control? -Os de sempre, os que teñen que pagalo todo, en Dubái, nos outros Emiratos e, mesmamente, no país de nós, na Galicia de nós e na España dos españois. A tecnoloxía vaise presentar como un medio para simplificar os procesos de ordenación do tráfico no mundo dos ricos. E, así será, as autoridades terán, en tempo real, coñecemento do lugar por onde cadaquén pasa, para onde vai e por onde volve. Tanto saber e tanto coñecemento fai estremecer ás persoas razoables do mundo, deste mundo con habitantes que van en ringleira, forzosa ou voluntariamente, a pagar. E, a calar!

A calar!
Comentarios