jueves. 06.08.2020 |
El tiempo
jueves. 06.08.2020
El tiempo

Dualidade

O relato resultou gañador no certame literario Contos de Verán

UNHA ARAÑA de longas patas paseaba tranquilamente sobre o dedo maimiño de Mario. Evidentemente a araña non o sabía. Tiña absoluta indiferencia pola procedencia da pel porosa na que se postraban as súas patas. Era, sen dúbida, a vantaxe de ter os pés demasiado lonxe da cabeza. Pérdese a perspectiva de todo o que existe arrededor. Mario si era consciente desa araña e observaba como avanzaba cara a súa man. Fixou a ollada no minúsculo animal deixando a pel morta para evitar provocar o mínimo movemento. Acababa de nacer unha relación; sen eles sabelo. Nin Mario nin a araña eran conscientes. Eran as cinco da tarde. Esa hora na que o sangue non se atreve a circular coa mesma intensidade. Esa hora na que o cerebro só realiza o mínimo movemento para evitar evaporarse pola calor.

«As arañas son seres solitarios», pensou Mario. Canto máis efémera e fráxil é a vida, mais é necedaria a soidade. Mario levantou a cabeza para observar a lámina de Munch colocada na parede. Alguén pegara alí a un cativo berrando desesperadamente durante séculos. Un berro inmenso que ninguén máis o carón del parecía ter a capacidade de oír. Imaxinou unha ringleira de arañas lanzadas a través desa boca por unhas cordas vocais en continúa tensión. Se o rapaz tivera arañas na boca cando menos tería unha boa razón para botar un berro. Mais non auas tiña. A araña seguía queda no medio da man retozando coa pel. A asfixiante calor parecía afectalo. Cunha visión microscópica poderíanselle limpar gotas de suor da súa fronte.

«Suarán as arañas?» pensou Mario. «Sentirán calor ou frío?» Lamentou que o seu coñecemento da vida íntima das arañas fose tan escasa. Alguén lle dixera algunha vez:

—Sabemos tan pouco da vida, tan pouco...

«Era certo», pensou. «Sabemos tan pouco…»

Alzou a ollada ata a lámina. O neno seguía co seu colorido berro chamando a atención. Intentando, en van, que alguén o escoitase. Mais o papel, o óleo e o lenzo son xordos e mudos. Son tamén, enganadores da mente. Revélannos actos que non existen. Como o de berrar ou o da tristura dunha nena cunha perla na orella. A araña facía cóxegas coas súas patas na pel, pero Mario non quería moverse un ápice. Subía entre as veas. O seu brazo enfraquecido deixaba ver unhas veas profundas rodeadas dunha pel tan fina que parecía transparente. A araña non era consciente de que debaixo desas patas circulaba un río vermello que proporcionaba vida. Sin embargo seguramente sentía tamén o coxegueo do líquido sobre o que pisaba. Eran as cinco da tarde e a calor chamaba a quietude. Unha minúscula gota de suor comezaba a xurdir dun dos poros xusto diante da pata traseira. Tería que sorteala para seguir camiñando. Unha esquina da lámina estábase desapegando. A excesiva calor secara a cola coa que estaba pegada na parede. Podíase escoitar un finísimo son cada vez que se desprendía un trozo de papel. Mario mirou preocupado. Non podía moverse, asustaría a araña. Se non o facía o papel caería e provocaría un cataclismo sobre o silencio da habitación. De novo Mario sentíase decidindo entre dúas augas. Siempre vivía o límite entre dúas opcións na vida. Ou estudar Dereito ou Antropoloxía. Ou vivir no campo ou na cidade. Unha habitación con vistas ao mar ou ao interior. Binomio era, sin duda, a palabra da súa vida. Decidir entre dereita ou esquerda. Sempre hai dous lados, dúas opcións; el estaba no medio.

Unha araña viva, un neno que respiraba cun berro perenne. A araña dáballe pracer o tacto e afastábao uns milímetros da soidade. O neno dáballe medo e tenrura ao mesmo tempo. Proporcionáballe gañas de chorar e de rir segundo o momento.

«Esta maldita dualidade da vida», rosmou Mario, sen darse conta de que estaba rompendo algo: o silencio. Nesa milésima de segundo a lámina terminou de desprenderse da parede e a araña correu asustada cara o chan. De novo volveu pensar Mario. «O aleteo dunha bolboreta ou un suspiro poden cambiar o mundo».

Dualidade