Opinión

Viraxe moral

Esta experiencia do coronavirus hai un par de conclusións que experimentamos e con seguridade compartimos: 

1) A fraxilidade, que non contemplabamos, do xeito de vida no que estamos instalados e das potencialidades da sociedade dixital ou da información. 

2) Foi unha realidade que, polo menos naqueles días, nos fixo máis próximos, aínda que non fisicamente, máis humanos e humildes uns cos outros, como expresaban os saúdos entre xentes descoñecidas que nos cruzabamos cando, por fin, tivemos unhas horas para camiñar no espazo público. Sabiámonos nunha tarefa común. A experiencia do mal, do risco para a propia vida e para a calidade da mesma, fixo que naqueles longos días aflorase o mellor de nós. 

O presidente alemán Frank-Walter Steinmeier, nunha mensaxe de Pascua, no confinamento, pedíalles aos seus compatriotas que mostrasen o mellor de si mesmos con Alemania e con Europa.

Esta chamada de Cáritas ao compromiso para contribuiír a un mundo mellor, eu enténdoa nesa liña, dar o mellor de nós mesmos para todos. Cáritas é para todos no seu labor: crentes ou non. 

Interpreto que Cáritas nos propón a necesidade de que permanezan vivas en nós aquelas reflexións, sentimentos e conclusións que tivemos ante o choque coa pandemia, o confinamento e o temor, que probablemente activaron o mellor do que somos como persoas. 

Na hora da reconstrución ou recuperación da actividade económica hai importantes e ineludibles tarefas sociais pendentes. Algunhas xa están cronificadas na realidade sociohistórica. Outras son novas ou foron acentuadas pola gran depresión que produciu a crise financeira de 2008. 

Están moitas delas ausentes na xestión e na axenda dos gobernos. E esta nova parálise non prevista, ademais de facernos a case todos máis pobres, suma máis paro e perdas no poder adquisitivo, na capacidade para afrontar o día a día de moitas familias afectadas por expedientes de redución temporal de emprego ou de xornadas laborais. Hai que recuperar e ampliar un estado de benestar. 

O compromiso que nos pide Cáritas para contribuír a un mundo mellor ben puidera traducirse na sensibilidade de cada un de nós diante desta realidade social. 

Unha sensibilidade que se exprese tanto na solidariedade directa coas persoas e familias que se encontran coas carencias máis elementais, como para crear e manter, como sociedade, estados de sensibiliade e opinión de cara a que a tarefa política e a tarefa común se priorice en feitos: o dereito ao traballo, a acollida de quen chega na procura dunha vida como persoa e de esperanza para os seus ou na creación dunhas condicións de vida dignas para todos. 

A viraxe moral cara unha sociedade que non deixe tirado a ninguén, que ofreza oportunidades a todos, que recoñeza e fomente o esforzo, o traballo e o emprendimento, que non mida a saúde e calidade da realidade económica só en cifras de multiplicación de beneficios e repartos financeiros, digo que esa viraxe ética virá se permanecen vivos e activos os valores positivos que descubrimos en nós e nos outros durante a pandemia e que agora nos recorda Cáritas como un compromiso.

Comentarios