Opinión

Carta polo Día Mundial contra o cancro

Hoxe, 4 de febreiro, celebramos o Día Mundial contra o cancro. O meu apoio ás persoas que sofren esta enfermidade e ás súas familias, e o meu recoñecemento a todos os profesionais, sanitarios e investigadores, que contribúen, co seu esforzo e dedicación, a facerlle fronte.

Desde a Conselleria de Sanidade, e como conselleiro, queremos mostrar, especialmente hoxe, a nosa solidariedade, empatía, e compromiso con todas as persoas enfermas de cancro e as súas familias, que coidan deles na súa loita diaria contra esta enfermidade e as súas consecuencias.

Hoxe é un día importante para poñer en valor o camiño percorrido. Detrás de cada tratamento, ou de cada novo programa de prevención, hai moitas horas de traballo de moitas persoas. Neste sentido, quero facer un recoñecemento explícito ao esforzo do persoal da sanidade pública galega durante estes anos da pandemia, onde todos os servizos, entre eles os de oncoloxía médica e oncoloxía radioterápica, seguiron a traballar sen pausa, mantendo as probas diagnósticas, as cirurxías e os tratamentos, a pesar das circunstancias.

Quero aproveitar tamén este día, para destacar a gran importancia que ten o diagnóstico precoz desta enfermidade a través dos programas de prevención que temos establecidos, e con gran éxito de cooperación pola cidadanía. Están aí para previr e paliar os efectos do cancro. Nesta fase de detección precoz, o papel da atención primaria é  clave, como referencia para a detección temperá dos síntomas e a derivación do paciente aos servizos máis especializados en cada patoloxía.

Para fortalecer esta conexión, puxéronse en marcha, con gran éxito, as vías rápidas entre atención primaria e hospitalaria. Só en 2022, estas vías rápidas permitiron derivar, nun tempo medio de seis días, máis de 20.000 pacientes con risco de padecer cancro de mama, colon, pulmón, próstata, melanoma, vexiga, cabeza e colo, ou endometrio. Sen dúbida, un gran paso contra o cancro.

Galicia ten un plan contra o cancro. A nosa comunidade ten unha estratexia, e o centro da mesma está na prevención. Sabemos que os hábitos de vida saudables e a participación nos programas poboacionais de cribado son fundamentais. Non escatimamos recursos nesta liña e, para amplialos e desenvolvelos, damos a benvida ás propostas da Unión Europea en materia de ampliación de idade dos programas actuais, e, tamén, á incorporación dos novos como pulmón e prostata, que Galicia xa fixo súas,  como quedou comprometido a semana pasada no Parlamento de Galicia.

Desde hai máis de 30 anos temos en Galicia o Programa de prevención de cancro de mama. En 2013 iniciouse o de cancro colorrectal e, este ano 2023, completarase o cribado de cancro de cérvix, despois de implantarse en Lugo, Ferrol e Pontevedra. En todos eles, é fundamental a colaboración entre saúde pública, que planifica e convida e fai o seguimento poboacional; atención primaria, que informa os pacientes invitados e recolle mostras; e a atención hospitalaria, que leva a cabo as probas diagnósticas, as consultas e os tratamentos. No pasado ano, leváronse a cabo ao redor de 150.000 mamografías de cribado, e fixéronse máis de 70.000 test de sangue oculto en feces.

Outro paso importante no camiño percorrido para loitar contra o cancro é a incorporación levada a cabo nos hospitais do Servizo Galego de Saude de novidades diagnósticas e terapéuticas, como os novos tomógrafos computarizados espectrais, un por área sanitaria, as novas resonancias magnéticas, as novas gammacámaras, os equipos de tomografía por emisión de positróns, os  robots cirúrxicos, tamén un por area sanitaria, e a extensión do acceso das terapias celulares avanzadas, CAR-T, incluído o Centro de Produción de terapias avanzadas, en proceso de apertura, así como as técnicas de bioloxía molecular xenómica, dentro do marco da oncoloxía de precisión, ou o futuro Centro galego de protonterapia.

Servizos de Atención Primaria, Analises Clínicas, Anatomía Patolóxica, Radiodiagnostico, Medicina Nuclear, Cirurxía Xeral e Dixestiva, Dixestivo, Hematoloxía, Traumatoloxía, Xinecoloxía, Uroloxía, Pneumoloxía, Cirurxía Torácica, Neurocirurxía, Pediatría, Cirurxía Pediátrica, Oncoloxía Médica, Oncoloxía Radioterápica, Radiofísica Hospitalaria, Farmacia Hospitalaria, Hospitalización a Domicilo, Cirurxía Plástica, Saúde Mental, Anestesia e Reanimación, Rehabilitación e, por suposto, as Unidades multidisciplinares de mama e as Unidades de paliativos, entre outras, son fundamentais no manexo dos pacientes con cancro. 

Tamén é fundamental o traballo dos distintos comités de tumores multidisciplinares formados por profesionais de todas as especialidades, que analizan cada novo caso e propoñen o tratamento máis axeitado en cada un. Revindicar, así mesmo, o papel fundamental da investigación, tanto básica como clínica, onde a nosa comunidade  dispón de excelentes profesionais que permiten o acceso aos nosos pacientes a terapias innovadoras de forma precoz, antes da súa comercialización. O noso sistema autonómico de saúde ten un enorme valor no ámbito dos ensaios clínicos,  que hai que coidar e impulsar.

Quero aproveitar, así mesmo, esta carta pública, para agradecer o papel das distintas sociedades científicas que, coas súas distintas actuacións, xa sexan formativas ou de asesoramento, nos axudan a manter os mellores criterios no manexo dos pacientes con cancro. Unha nova proba desta colaboración é a recentemente publicada Estratexia de xestión do cancro en Galicia, onde a súa participación foi moi importante e enriquecedora.

Mención especial merecen as asociacións de pacientes, claves, tamén, no acompañamento a doentes e familias, completando o papel do Servizo Galego de Saúde nos aspectos máis sociais ou de divulgación, entre outros. No camiño da loita contra o cancro, hai que facilitar os coidados que realizan os familiares de persoas con esta enfermidade, especialmente en menores, para aliviar as dificultades de mobilidade, sociais ou financeiras que afrontan desde o momento do diagnóstico, e en etapas posteriores. 

Garantir, por lei, os tempos de acceso ao diagnóstico e tratamento en xeral no ambito da oncoloxía e, en particular, no da oncoloxía pediátrica. Ao respecto, en Galicia, no pasado ano, leváronse a cabo máis de 50.000 intervencións sanitarias garantidas por lei, entre intervencións cirúrxicas, consultas externas e probas diagnósticas ou terapéuticas, a maioría delas con diagnósticos oncolóxicos. Todas elas, dentro dos prazos establecidos no Decreto 105/2017, e, absolutamente todas, dentro do Servizo Galego de Saude.
Finalmente, como conselleiro de Sanidade, déixenme que reitere o compromiso da Xunta coa mellora das prestacións públicas para previr, detectar e tratar o cancro, co obxectivo de lograr as maiores taxas de curación e recuperación, asi como a maior calidade de vida para os nosos pacientes.

Comentarios