Opinión

O que o virus descobre

ESTE ARTIGO ía titularse "o fracaso da arrogancia" porque esa debía ser unha lección do Covid-19. Os profetas non son de fiar, expertos sobrevidos que sobre todo confian na desmemoria do público. Así que en lugar de apuntarme ás profecías decidín repasar os meus papeis e ver como reflectira eu a pandemia de H1N1, a gripe A de 2009 que despois de catorce meses se estima que deixou unha cifra de falecidos de máis de cento cincuenta mil persoas. Naquel entón publicara dous artigos nos que falaba contra as teorías da conspiración e comentaba o apoxeo biopolítico da mirada médica e da lóxica viral, que goberna tanto a expansión do virus como o potencial epidémico do medo. 

Compre completar aquelas ideas con novas leccións a extraer desta crise. En primeiro lugar no plano da teoría ética, no que asistimos a un falso dilema entre vida (ou saúde) e economía. Así exposto o dilema cumpre unha función pedagóxica e por iso recibe un uso político que serve como eslogan xa que é unha idea simple e dificilmente rebatible, pero se se profunda o tema é máis complexo. Os filósofos analizaron sobradamente estas cuestións e sábese que os principios tamén se poden soster por razóns utilitarias, por exemplo, neste caso, que a invocación da saúde pública é unha forma de protexer o sistema sanitario; sábese que a utilidade pública e o cálculo custo/beneficios son criterios que o bo gobernante non pode eludir, e que é complexo, susceptible de distintos niveis de prioridade; que a enfermidade ten custos económicos e que a saúde forma parte da seguridade, por tanto dos fins do Estado, e por tanto dos mecanismos biopolíticos de control; e que a boa ou mala economía ten efectos sobre a boa ou mala saúde da poboación. Son todas elas cuestións de ética práctica que, para abordalas, nunca chega solo con establecer principios ou calcular consecuencias, e para facer eses axustes e garantir os procedementos discursivos e de toma de decisións están por exemplo os comités de bioética que están a funcionar nos hospitais, así como non veuse que non ocorría respecto das residencias de maiores. 

Unha segunda reflexión ten que ver coas solucións prácticas ensaiadas. Todo indica que a crise vai impulsar a implementación dos sistemas de control dixital. Os feitos foron demostrando que fronte á pandemia non cabía de inicio moito marxe de actuación, máis alá de modular o confinamento en función de variables sociais. Coma no resto de Europa adoptouse aquí a estratexia da contención, avalada polos organismos internacionais e en particular pola OMS, que agora se trataría de complementar coa estratexia surasiática de pasaporte inmunolóxico e biocontrol dixital. Como europeos descubrimos as nosas deficiencias nun mundo ó que Occidente xa non lle marca o rumbo. Máis que nunca será determinante mirar de cerca a África e Latinoamérica, aínda se nos devolven un espello que reflicte as nosas miserias. O futuro nos deixa moitos interrogantes: se o control epidemiolóxico xustifica restricións temporais de dereitos, terá o biocontrol dixital mecanismos limitadores similares? Se subsiste, a singularidade europea terá aí algo que dicir. 

As leccións do virus levarán o seu tempo e dependerán da disposición para aprendelas, pero hai efectos esperables que dependerán tamén de novas e imprevistas circunstancias. Quedándonos só con aspectos que deberían ser aproveitados: pode producirse unha recalibración de escala en ámbitos distintos, unha valoración do próximo que xa actúa a nivel de costumes e que debía facernos considerar baixo unha nova óptica a estrutura e dimensións das cidades, do comercio, dos procesos produtivos. O reto aquí sería cómo facer para que unha nova sensibilidade do cercano non signifique un repregamento no individual e non impida a conciencia global, máis necesaria que nunca. 

Ata cando quedarán as relacións sociais e a propia subxectividade condicionadas polo confinamento teleconectado? Será posible que emerxa unha subxectividade posconfinada? É pronto para sabelo, aínda viviremos un tempo entre o espellismo do que retorna e o do novo que tememos ou desexamos. A lóxica da expansión da vida humana tamén é viral, por tanto haberá que adaptarse e tamén mutar. O contrario sería facer oídos xordos e acelerar o propio fin.

Comentarios