Opinión

Filosofía en perigo

Unha vez máis filósofas e filósofos están en campaña. Coa nova lei educativa (LOMLOE) que se implanta o próximo curso terán lugar novos recortes na presencia minguante de filosofía no ensino secundario. En particular, se a Consellería de Educación non o remedia na parte que aínda lles compete establecer ás Comunidades Autónomas (o 40% do currículum), pode supoñer a súa completa desaparición do ensino obrigatorio (ESO). Días de manifestos, firmas e entrevistas que desembocarán o día 18 en Madrid, para reivindicar ese pequenos ocos de filosofía nun ensino cada vez más volcado aos aspectos técnicos e instrumentais da educación, e menos a todo o que supoña preguntarse polos fins. Que queremos realmente conseguir coa educación?

A pesar das proclamas oficiais (de calidade, innovación, creatividade) prímase a funcionalidade do sistema educativo dentro dos procesos productivos, e dos individuos (docentes e discentes) dentro do sistema educativo. O fundamental é a integración, que as capacidades diversas sexan reconducidas a ‘competencias’ requeridas, que o disfuncional sexa convenientemente reeducado. O éxito no sistema educativo non radica na excelencia, senón en axustarse o máis posible a un canon. A educación como sistema de igualación falaz, porque iguálanse as expectativas, os requerimentos formais, pero de aí resulta unha reproducción das desigualdades. Temos así, por unha parte, individuos que pagan un prezo por non axustarse a determinados moldes socialmente establecidos, e por outro unha perpetuación das desigualdades de orixe que se van trasladando polos niveis sucesivos do sistema. 

Hai un divorcio lacerante entre o que proclaman os documentos pedagóxicos e a realidade concreta da educación. O sistema educativo non forma individuos críticos, senón que estes existen a duras penas, a pesar do sistema educativo. 

E logo están as cuestións que parecen terminolóxicas pero que non o son tanto: en concreto estase a dar un debate sobre o ‘ensino en valores’, frente ao que as asociacións filosóficas témonos manifestado a favor de utilizar o termo ‘ética’. Que máis dará?, pode pensar o público, e mesmo a administración argúe que a ética forma parte do ensino en valores, pero o sesgo da denominación non é baladí. Volvemos ao que dicíamos antes: a apelación a valores como parte dunha correcta integración funcional no sistema produtivo. A formación en valores viría a tratar de paliar a perda de marcos estables de referencia nun sistema no que predomina o puramente instrumental. Pero a ética non sirve principalmente para fornecer valores. Estes danse na realidade social, queiramos ou non, e a ética sirve para comprendelos mellor, analizalos e avalialos en relación con outras ideas que os acompañan e cos que conforman ‘complexos de sentido’. Según como se estableza a relación entre xustiza e lei, por exemplo, ou como se lexitimen os dereitos (cuestións éticas e filosóficas onde as haxa) estarase a soster un ou outro tipo de sociedade ou de ser humano, con diferentes opcións epistemolóxicas ou metafísicas. Os valores nos insiren na rede de copertenzas sociais pero a ética permite pensar máis alá do dado, abre o foco, permite pensar alternativas. 

Pero quizáis sexa eso o que se pretende evitar: que se pense en alternativas. Mellor prover os valores funcionalmente acaídos para que a roda siga simplemente a rodar, como se se tratase dunha Formación do Espíritu Nacional. Pero pode que se trate hoxe dun obxectivo condenado ao fracaso, quero dicir que a formación en valores non teña capacidade para ser máis que un sucedáneo dos medios de difusión de valores que operan con máis forza. Cando lle atribuímos ao sistema educativo a formación en valores, estamos a proclamar o fracaso deses mesmos valores no medio social. Non sei se chamarlle ‘ética’ sería de moita axuda para esa tarefa que se antolla decorativa, pero alomenos estaríamos evitando subterfuxios e chamando ás cousas polo seu nome. 

Todo indica que para unha parte da esquerda a filosofía forma parte deses argumentos de ocasión que quedan moi ben para facer oposición pero que pasan a mellor vida cando toca gobernar de verdade. A unanimidade do Congreso dos Deputados (cousa bastante insólita) acordou en 2018 que os estudos de filosofía formaran un ciclo articulado nos tres últimos anos da educación secundaria, comenzando pola Ética de 4º de ESO e seguindo nos dous anos de Bacharelato. Pero cando toca tomar a decisión a Ética cae do cartel e as horas de filosofía teñen que ser mercadeadas en cada comunidade. Vanse polo mesmo sumidoiro polo que pouco a pouco van marchando as humanidades. 

Comentarios