Opinión

Contra o realismo

O realismo é a boa conciencia dos fillos de puta», escoiteille a Carlos Taibo esta cita do filósofo Georges Bernanos nunha charla sobre colapso ecosocial. Realistas serían os que sempre dan por sentada a realidade tal como é e desisten de calquera cambio por consideralo imposible. Os resignados que enaltecen o peso dos feitos, e os cínicos, que sempre obvian a súa propia contribución a moldear esa realidade que despois decretan inalterable.

É un modo de razonar moi presente en todas partes: a condescendencia coa corrupción, o inútil de todo compromiso, o beneficio propio como única guía, a vida como pura competencia. Que podemos esperar se todo o mundo defrauda o que pode? Para que vou aforrar auga, ou separar o lixo, se despois o Estado dilapida os recursos? O mundo non o fixen eu (menos mal!), as cousas son así, sempre houbo guerras, explotación dos humildes, dominio patriarcal, aversión aos diferentes. A civilización? Unha empresa vana que non vai cambiar a nosa demasiado humana natureza.

Dar por inevitable o racismo, a violencia, a depredación do medio, o machismo…, se iso é realismo enténdese ben a frase de Bernanos citada por Taibo. O realismo como excusa para defender posicións de priviliexio, ou asumir posicións subordinadas, en calquera caso para aceptar que os feitos solo se definen en termos de poder, que solo podes gañar ou perder. É a renovada vitoria dunha razón simplemente instrumental, estratéxica, elevada de potencia pola fragmentación do coñecemento na cultura dixital e a ilusión de que todo problema ten unha solución técnolóxica. É a ideoloxía de fondo que triunfa.

Unha forma de ver a realidade que ten consecuencias: o prestixio da agresividade, a intolerancia cos dereitos alleos, o éxito das políticas de rearme; todo conduce á cascada das tendencias de voto cará á dereita, según as enquisas, o marco político bascula, quedando o centro da escena mediática ocupado pola guerra cultural contra as conquistas sociais da «axenda progresista», considerada unha conspiración mundial (antes «xudeomasónica», agora «homoglobalista»). Desprazamento do marco e mesmo inversión, que nos deixan unha esquerda refuxiada en posicións defensivas e conservadoras e unha dereita de xesto rebelde que recolle as pulsións antisistema.

Pode que isto non faga xustiza a unha correcta comprensión do realismo, que tamén pode ser unha forma de conciencia crítica frente os excesos de idealismo (que, pola súa parte, non carece de falsa «boa conciencia», pero ese é outro tema). Hoxe trato do apego á realidade que ignora adrede a construción que nós facemos dela. O real é un artificio interesado, conformado en parte polas propias crenzas (teorema de Thomas en ciencia social: o que definimos como real ten efectos de realidade), o que explica o éxito das teorías máis inversosímiles ou fenómenos como as profecías autocumpridas.

A xeopolítica, por exemplo, é extremadamente realista. Se poñemos o foco nas razóns de Vladimir Putin atopámoslle unha lóxica moi realista, sen deixar por iso de ser depredadora (chámolle tamén «realismo do proxeneta»). «É o que hai!», esa frase tan manida e terrible, que asume que o mundo pode ser fermoso, si, se o miramos de lonxe, «pero de cerca ves que está cheo de merda», como di o escritor Niklas Nat och Dag (a exitosa ficción sueca destaca precisamente polo seu realismo!).

Por certo, e aínda que non sexa moi realista, para cando un proceso penal para Putin?

Comentarios