Opinión

Xeración Erasmus, Xeración Europa

Estas rapazas, estes rapaces que viaxan tanto. Que se relacionan tanto. Que estudan en Alemaña, Francia, Italia, Grecia, Suecia, España e así ata 27 países da UE. En Noruega, Turquía, Islandia fóra da UE. Son o futuro de Europa, a Xeración Erasmus. O acrónimo coincide co nome do humanista Erasmo de Róterdam.

2.199 universidades. 40.000 estudantes españois cada ano. 2.8 millóns de europeos desde 2.014. O programa, con 30.000 millóns de euros para 2021-2027, quere duplicar aos que se benefician das becas. Son cifras relevantes para un programa que quere mellorar a calidade do ensino superior e crear conciencia europea entre a xente nova. E alertalos contra a gusaneira dos populismos que desde dentro explotan o patriotismo da xente do común con medos, berros e bandeiras.

Xeración Erasmus, futuro sen fronteiras. Sen o corsé ensimismador de nacionalismos excluíntes. Sen a mentalidade localista dos que non poideron estudar nin viaxar. Estudando noutras universidades. Aprendendo idiomas, materia pendente naquela longa noite de pedra. 

Universitarios con mochila emparéllanse sen importar a cor da pel, ideoloxías, nacionalidades. E teñen fillos, europeos. Viaxan, estudan xuntos aquí e acolá, vacinándose contra os fanatismos. Contra os Farage e os Boris Johnson, os Le Pen, Orban, a ultradereita emerxente aquí. Contra o pesadelo Trump, fóra.

Rapaces Erasmus son a mellor Europa. A dos pobos e non dos mercadores. Sen fronteiras. Coa mellor bandeira das 27 estrelas agora que Reino Unido volve mirarse o embigo de delirios imperiais. O Brexit dos Trampulleiros, votado apenas polo 37% non pode ocultar os perigos dunha Europa desunida, en mans de nacionalismos enfrontados.

A historia europea garda na memoria o terrible século XX. "Monstrosa fábrica de cadáveres", di Hannah Arendt, filósofa de orixe xudea. A Europa dos fascismos e das guerras civís. A Europa asasina de millóns de seres humanos co estalinismo. A Europa do nazismo. Aínda recente na memoria, a liberación de Auschwitz. A Europa das dúas carnicerías mundiais.

Non, nunca lle foi ben a unha Europa desunida e enfrontada. A mellor Inglaterra loitou no continente contra a besta parda do nazismo que estivo a piques de acabar coa democracia no mundo. E agora está nas mans dun populista ao que aplauden afervoadamente grupos enfermos de xenofobia.

Ogallá lles vaia ben. A eles e a nós. O Brexit está nos antípodas dos valores que defende o programa Erasmus. A Europa do futuro e do presente, porto de arribada para millóns de desesperados. A Europa laica libre de credos medievais que invisibilizan á muller. A Europa das Luces e da Razón. A Europa dos Dereitos Humanos e dos valores democráticos. A Europa que se mestura, que vive, viaxa, estuda, ama e constrúe a Xeración Erasmus.

Comentarios