Opinión

"Volverán las oscuras golondrinas"

VOLVERÁN AS miúdas, escuras andoriñas? A saber no que andaría pensando G. A Bécquer para pintar de negro ao paxariño de fermoso peito branco. Xusto o máis visible nestes acróbatas do ceo cando volve a luz, as cores, os insectos. Cando na inmutable traslación do planeta retorna a primavera. As amables andoriñas que hibernan no hemisferio sur regresan a criar no hemisferio norte.

Apenas vinte gramos cun fermoso nome propio, Hirundo Rustica. Moi apreciadas pola cantidade de insectos que papan cando precisan comer moito para manter a familia. Non hai insecticida máis ecolóxico e letal.

Pero no planeta da vida, a especie hexemónica, homo sapiens (¿mulleres e homes sabios?), impón o seu matonismo. Todo o planeta, terras e augas, os infinitos recursos minguantes, ao servizo desa voraz especie.

O cambio climático que coce e deseca tantas zonas do planeta, está a provocar unha drástica disminución das amables andoriñas. Según os números da Seo/BirdLife en España perdemos un millón de exemplares cada ano. No resto da urbanizada Europa os números son peores. E aquí, en catro Comunidades, esta especie tan querida, está ameazada. O declive foi dun 33% no último decenio. Na realidade, a andoriña só é unha alada especie entre outras vulnerables, como o gorrión, que van quedando sen espazo nun planeta cada ano máis humanizado. É dicir, máis deshumanizado.

Co cambio climático, outro factor que inflúe neste declive das andoriñas éche o avance da Galicia, da España Baleirada. O despoboamento rural implica para a andoriña o abandono dos lugares de cría ligados aos traballos e modos de vida agrarios, a ocupación humanizada do territorio. Nas cidades o medio é hostil para un paxaro que precisa ocos e beirados para a casiña e a crianzas. E sobre todo, necesita insectos, o primeiro prato na paparota da vida de tantas especies.

O uso masivo de insecticidas, praguicidas, velenos e outros produtos químicos afectan á capacidade reprodutiva das andoriñas. Preferimos velenos ás aves, e iso que unha soa andoriña papa cada día case mil moscas e mosquitos, máis de 300.000 cada ano.

Os ornitólogos coñecen ben a este paxariño. Con apenas vinte gramos son quen de atravesar o deserto do Sahara e percorrer máis de 5.000 quilómetros para volver a colgar os niños no balcón de Bécquer. Un privilexio, case un milagre diante dos ollos.

O quentamento global propiciado polo homo sapiens éche espada de Damocles para os ecosistemas. A presenza das andoriñas é indicador e precursor da detección da ameaza climática.

Levan millóns de anos connosco mantendo á raia a insectos que nos ameazan. Agora precisan da nosa sensibilidade e axuda. Para que cada primavera volvan a escuras andoriñas "de nuestro balcón sus nidos a colgar".