Opinión

Volver aos clásicos

VOLVER AOS clásicos. Son a nosa herdanza, garavanzos gordos que quedan enriba da criba da historia. Non envellecen nin quedan obsoletos. Vacinan contra manipulacións, fanatismos, pensamento único. Defenden da ditadura do utilitarismo, do presentismo do carpe diem, da suciedade do consumismo. E alertan contra os que consideran inútiles saberes humanísticos que non se miden por euros.

Fannos máis cultos, cívicos e tolerantes, militantes da dúbida razoable. A xustiza, a empatía, o respecto á natureza, os valores do humanismo están nos clásicos. Difícil de entender, recorda El Roto, unha Humanidade sen humanidades.

"Clásicos para la vida" do profesor e filósofo N. Ordine, anima a ler os clásicos, modelos que xamais pasan de moda. Marcan para sempre, abren horizontes inabarcables e axudan a vivir máis vida. Lugares de encontro como seres racionais, capaces de comprender o mundo. Coa educación como ferramenta transformadora. Escolas e universidades son o mellor dique contra as poderosas leis dos cartos. Axudan a entendernos e entender o mundo, e non só a aprobar asignaturas poeirentas.

Pertencemos á Europa da literatura xigantesca. Onde ler, recorda Steiner, é obriga moral. Avergoña que, asolagados de pantallas, ignoremos aos clásicos. Que desde o sistema educativo non fóramos quen de transmitir un amor eterno, unha paixón polos clásicos. Que a mocidade viva de costas a eles, reflicte o fracaso educativo.

Volvemos sempre aos clásicos. Fannos grandes por dentro. Decláranos propietarios da súa herdanza. Como pode haber alguén que non lera El Quijote, a Biblia, a Odisea, o Decameron? Aínda cubertos de po, nos faiados da memoria permanecen Cervantes e Shakespeare. Camus, Quevedo e a Yourcenar. Borges e Orwell. Cortázar, Rosalía, Dostoiesvki, Lorca e Wilde estirando os clásicos ata nós. Ordine cita a Platón e a Plauto, a Molière, a Goethe e Flaubert, Kavafis, Pessoa. Tantas, tantos. Interminables listados persoais.

Están aí. Sempre volven remozados recordando o dito latino Revertímini ad fontes, volvede aos mananciais onde brota auga pura da nosa cultura.

Clásicos militantes contra o ruído e as présas, contra a mercantilización da cultura, contra o ensino burocratizado, contra o esquecemento dos principios ilustrados e humanistas que construiron e manteñen viva a civilización europea. De costas a eles, esquecida dese faro de luz, só é mercado.

As humanidades, os clásicos forman cidadáns e cidadás libres e cultos, capaces de razoar de xeito afiado. Vístennos como humanos. Con eles somos críticos, cun pensamento autónomo, amoblados coa dúbida razoable, heterodoxos co establecido.

Non poden estar marxinados dos programas educativos, da vida das persoas. Son o epicentro da mellor cultura europea. Por iso volvemos aos clásicos.

Comentarios