Opinión

Viaxando con Aretha Franklin

A FARTURA de malas noticias… ese viaduto italiano, derrumbe demográfico da España Baldeira, fuxida de rapaces titulados, os mortos sen nome do monzón, o bombardeo do bus con nenos iemenís, a homenaxe de políticos presos xusto día do recordo das vítimas de Barcelona, a última arremetida de Trump… obriga a apagar a radio. Mellor escoitar as paisaxes desde o coche.

O malo é que a autovía acabou por nos roubar pobos e cidades mentres a velocidade borra as paisaxes, esa propiedade social. Tampouco permite unha ollada demorada no horizonte fuxidío. O sol agroma polo leste, xusto en fronte, e o zunido do motor non é boa compaña. Mellor, a música.

Hoxe, as benditas emisoras traen unha e outra vez a Aretha Franklin. Vén de morrer para se converter en eterna. Xamais se irá de todo: unha das nosas. Conta un dos entendidos que a cantante negra era unha das voces xigantes da música, a que tantas veces pedía respecto, con Respect, esa canción de Otis Reading coa que encheu de forza ás mulleres. Aretha, a cantante de himnos de gospel na igrexa e a que tinguía de quentura, fóra dela, outros himnos como Think, como I say a little prayer. Aretha, da que están a poñer agora unha canción tras outra, recibíu ata 18 Grammys e vendeu 75 millóns de discos. Se foran o dobre tampouco extrañaría. A raíña reinou catro décadas e agora xa é inmortal.

Da pasión e intensidade do gospel pasaría a outros temas, a outras reivindicacións raciais, xusto cando era máis difícil ser muller, ser negra, ser feminista. Da igrexa á rúa, do gospel ao soul coa mesma forza, coa mesma alma a flor de pel. Coa voz poderosa, a voz tan fermosa.

Ai aqueles gloriosos 60 cando a música vestía de negro! Cando a música negra de Aretha, de Ray Charles, Sam Cooke, Otis Reading, James Brown, Solomon Burke, era a nai de todas as músicas.

Agora, a tristura das paisaxes mediáticas invisibiliza as paisaxes humanas. E as paisaxes físicas foxen dos ollos a 120 qm/h. Por iso hai que volver a Aretha, a nosa, a negra, a morta, a inmortal. A voz mítica do soul que acariñou oídos desde Luther King a Obama, e de millóns de persoas. A voz que agora enche o coche.

Outra vez Respect, que converteu en himno feminista. Lady Soul, desde o refuxio negro das igrexas onde agromaba o gospel ata a intemperie segregacionista e racista á que se enfrontaron na segunda metade do XX Rosa Parks o Martin Luther King. Das raíces da tristeza do blues, da forza liberadora do gospel, ata a Aretha alma de soul. O soul é iso, alma.

Agora as paisaxes con música, sen as cores escuras dos que monopolizan a actualidade, son máis luminosas. O sol agatuña polo ceo. E todas as cores son verdes e azuis. E de puro ouro esta voz limpa, única, poderosa. A voz da alma, a alma do soul. Aretha Franklin.

Comentarios