Opinión

Un verán luminoso de libros

OS LIBROS son para o verán. Como as bicicletas e as terrazas dos bares. Como a pel desnuda. Como a maternal montaña, o infinito mar. Como as viaxes que comenzan na primeira páxina dun libro. Ou nas portas dunha biblioteca pública, agora co letreiro Horario de verán, recortando silencios e lecturas cando a máquina das présas e dos berros funciona a pleno rendemento.

Bibliotecas cheas de libros. Vacinan contra o ruído, contra políticas adultescentes, contra colonizadoras pantallas que distraen. Casa democrática e gratuíta da cultura. Son, e serán cada vez máis, refuxios climáticos cando o lume e a falta de auga abren as portas do inferno asasinando aos mellores dos nosos, as árbores.

O ordenado azar da biblioteca pública ofrece cada día tesouros para amoblar e adornar os cerebros tan distintos en gustos e apetencias. Velaquí algúns. Galveias do portugués JL. Peixoto, novelistas que escribe como un poeta (A criança em ruínas). El viaje de la Humanidad de O. Galor. Reler por puro pracer a triloxía de novela negra, nada de thriller! de Niklas Natt och Dag, o último 1795. Ou Identidad y amistad de noso Emilio Lledó: somos palabra e comunicación, linguaxe falada e escrita, un animal que fala, donos da palabra repensada. A filosofía ensina a vivir, aprendemos con este mestre que escribe fondo e bonito. Cómpre reler Timandra, hetera ligada a Alcibíades, de T. Kallifatides. E, xa postos, volver aos clásicos do luminoso legado de Grecia, a nai da mellor Europa.

Somos urdida e trama de relatos, contos, libros, poemas, lendas, novelas, filosofía, historia, ciencias, ensaios. As palabras agardan por nós. Esperan no silencio de librerías e bibliotecas públicas, illas contra a tolemia climática. Lugares a mimar porque a lectura require silencio e intimidade, referencias culturais. Esixe concentración e capacidade de interpretación. Reclama disciplina, orde e sentido. Campos fértiles sementados de palabras, encoros de libros, zocos coas mil e unha noites de tactos e aromas, lectores e lecturas, de libros.

Verán do 2022, deitados na rumorosa praia, navegando nun veleiro de libros. Degustando exquisitos pratos, servidos quentes, en páxinas inéditas. Porque si, porque queres, porque te peta: ler, como amar, non soporta o imperativo, recorda D. Pennac. O papel que atesoura cada libro está feito de papel, ao fin, da carne nutricia das árbores. Debe ser por iso que ler é camiñar con pés de la por ese bosque de árbores, adentrarse paseniñamente polo útero morno dun libro. Velaí a epifanía da luz a través de medos, experiencias e voces sinfónicas. Labirinto de emocións e descubrimentos polas corredoiras de soidade de cada libro. Si, vai moito sol, moita calor á espera do milagre da chuvia. Nun verán luminoso de libros.

Comentarios