Opinión

Venres escolares polo clima

EN VARIOS países a rapazada de bacharelato ten decidido facer as tarefas escolares fóra das aulas. En rúas e prazas. Con berros e pancartas. Rebelión xuvenil contra o fracaso de gobernos e partidos políticos. A favor do clima e do planeta. Adolescentes tentan demostrar que os cambios son posibles. Que convén afrontar un futuro incerto e ameazante para a vida. Fronte a esta xeración nova que loita polo futuro, figuras do pasado, culpables de ignorancia e ao servizo de intereses cegos diante do apocalipse climático.

Greta Thunberg, Kyra Gantois, Annuna de Weber lideran esta revolta positiva. Saben que sobre eles pende a ameaza de fenómenos climáticos extremos, escasez de auga potable, deterioro dos hábitats, crise da biodiversidade, contaminación das terras, das augas e do aire.

Os Fridays for Future son un berro de alarma ante o deterioro acelerado do medio ambiente onde aínda é posible a vida, como vén de constatar o Cumio de Nairobi da Onu, e antes Katowice, e antes París. O poder nos seus cumios e a casa de todos nos abismos.

A diminuta protesta de Greta co carteliño Skolstrejk for klimatet diante do Parlamento de Estocolmo saltou fronteiras. Suecia, USA, Bélxica, Australia. España? Unha mostra de globalidade do problema climático e da necesaria globalidade das solucións. Cunhas solucións e progresos demasiado lentos. E complexos: implican a gobernos, asociacións, modelos de cidade, fábricas e empresas, e a responsabilidade ética de cada un de nós no coidado da casa común.

No verán arderon bosques suecos. En Australia cocían coa calor. O vórtice polar conxelaba medio EE UU. A sequías devastadoras suceden inundacións bíblicas. Tanta xente expulsada da súa terra.

Os estudantes denuncian de que os vellos dinosaurios políticos e económicos están a queimar o futuro de todos en beneficio de poucos. A cobiza humana non coñece fronteiras nin políticas nin físicas: fractura hidráulica, perforación en augas fondas para chuchar ata a última gota de petróleo, a última pedra de carbón.

Ignorancia culpable dos políticos ante a presión económica dos especuladores. Con máis lentitude que a rapidez do deterioro e a urxencia de solucións, percatámonos de que temos creado un sistema económico depredador cos limitados recursos da natureza.

A folga escolar, os Fridays for Future son unha labazada nas conciencias contra a pasividade culpable dos gobernos. Oxalá estas mobilizacións nas rúas sigan. E que fructifiquen en asociacións civís e organizacións políticas a favor daqueles que ofrezan un pouco de luz nestes tempos sombríos.

Ata que os vellos dinosaurios que envelenan o clima de todos entren en pánico. E desaparezan. Ata que os venres sexan só a porta aberta a luminosos fins de semana, e non aos Fridays for Future.

Comentarios