Opinión

Unha orquestra custa menos que un futbolista

OS QUE perpetran as leis de educación silencian a música. Sácanlle horas ata considerala unha maría, adorno prescindible, algo que distrae. Apenas unha sesión semanal de 45'. Como explicar a quen mostra tanto desprezo pola cultura que a música éche materia importante como a lingua ou as matemáticas? En realidade, a música ten moito de matemáticas e linguaxe.

O director de orquestra Riccardo Muti avisa que "sacar a palabra á cultura embrutecerá ao pobo". Tratarase diso? Porque non se entenden os recortes nas asignaturas artísticas e nas que ensinan a pensar. Sen música, teatro, danza, pintura, sen filosofía teremos o que estamos a ver: xente máis superficial, máis brutal, máis domesticada e perigosa.

Verdi, Stravinsky, Berlioz, Orff, Bach, sempre Mozart son máis emblemáticos para a cultura europea que personaxes que monopolizan tempo e portadas. A cultura é alma do pobo, o corazón da mellor sociedade. Non se mide só en euros nin existe para dar beneficios ao empresario que protestaba do gasto e tentaba suprimir o coro da Oda da alegría na 9ª de Beethoven. A función da cultura é elevar e mellorar a vida da xente. O mesmo Muti di que unha orquestra sinfónica custa menos que un futbolista de sona. Pero mestres a desmesura se multiplica no mundo turbio do fútbol, os recortes ameazan a bandas municipais e orquestas.

Nun país ruidoso e embrutecido págase máis polo fútbol que pola cultura. Canto custa a Real Filharmonía de Galicia? Sabemos o que gaña anualmente un tal Cristiano Ronaldo: 87,5 millóns. 76,5 Messi. 41,0 Bale. 55,5 Neymar. Cantidades obscenas, soldos delincuentes alimentan o panem et circenses. Nin de lonxe comparables cos dos artistas, músicos e creadores. Non podemos ser o que parecemos: un país idiota. Temos que entender a mensaxe de Muti: "Abondaría con sacar un pouco de diñeiro en cousas innecesarias e destinalo primeiro á educación, despois á educación, e máis tarde á educación".

É a música á que nos alimenta e fai mellores. E resulta irresponsable pechar na xente a posibilidade de achegarse á cultura. Xusto nun país onde décadas de ditadura borraron a beleza e pecharon portas e ventás á luz que alimenta o máis humano que levamos dentro e fai latir a democracia e a libertade.

A música, a beleza son aire limpo que respiramos, alicerces dun futuro mellor con gobernos que protexan a cultura que nos amamanta e unha sociedade que a demande. Son os grandes compositores, as bandas municipais, as orquestras sinfónicas as que alimentan o mellor da nosa cultura, a sede que nos queima, moito máis que as efémeras, sobrevaloradas e banais estrelas do deporte. Ten razón Riccardo Muti: unha orquestra sinfónica custa menos que un futbolista. Pero o seu valor é infinitamente maior.

Comentarios