Opinión

Un boneco de plástico para a praia de Bodrum

ESVARA ata se deter boca abaixo na area. Un boneco de plástico. Van e volven as ondas ata apagarse na praia turca de Bodrum. O policía que toma notas ve ao lonxe a illa grega de Kos, que el di Istanköy. Non recorda ben  pero  sabe  que  esta  illa participou hai tres milenios na guerra de Troia. E que alí naceu Hipócrates.

O  bonequiño,  cun  xersei vermello,  roda  pola  area. Outro boneco grande móvese nun apagado baile coas ondas. Ten formas de muller. Se fora de carne ata se confundiría coa nai do bonequiño.

O Mediterráneo, Mare Nostrum da peor humanidade, éche unha xigantesca bañeira de bonecos afogados. Un terzo deles son mulleres e nenos. Escapan das súas guerras, que mirando as etiquetas das balas, son as nosas guerras, onde loitan guerreiros con uniforme pero morren exércitos de civís. Co trunfo da barbarie, tentan escapar da carnicería. Fuxindo cara a ningures, ás veces morren afogados nunha
praia de Kodrum ou en areas sen nome. Ás veces colgan dos arames de concertinas. Cortan tan ben o plástico dos bonecos que semella carne humana.

Alertados contra a ‘globalización da indiferencia’ non alcanzamos a ver nin a contar, rostro a rostro, os dous millóns de nenos sirios refuxiados. Unha minoría deles, da man dos pais, tenta desesperadamente atopar refuxio na Europa dos dereitos humanos e onde os valores democráticos están por riba dos credos dos fanáticos. E onde a xente decente reivindica que políticas de asilo substitúan á xenofobia e ás concertinas.

Esa xente está moi por riba da miseria dos seus políticos ou desa Comunidade  de  Mercadores, CE, que vén de gastar 1.800 millóns para blindar fronteiras mentres dedican 700 aos refuxiados.

Para vergonza do estado español hai unha lista crecente de concellos que están a crear una rede de cidades refuxio contra a cegueira oficial. Porque estamos nunha situación de emerxencia humanitaria, a maior desde a Segunda Guerra  Mundial. E porque nos enfrontamos a un éxodo de dimensións bíblicas sen que a Otan, o G8 e a Onu sexan quen de frear a barbarie que fai inhabitables tantos recunchos do planeta. Por iso emociona a mellor Alemaña civil recibindo cos brazos abertos aos refuxiados sirios nunha ondada de fraternidade que non conseguen ensuciar bandas de neonazis idiotas. A esta Alemaña solidaria queremos parecernos. Por iso en Budapest, a peor cara europea, non berran Europa, Europa! senón Alemaña, Alemaña! Hai dúas Europas, a de Polonia, a de Inglaterra taponando o túnel do Canal, tan alleas á piedade, e a Alemaña dos cidadáns ou a España das cidades solidarias.

O policía turco de Bodrum rematou de tomar notas. Van e veñen as ondas ata morrer a carón do boneco de plástico que non era de plástico. Non tivo tempo de encher a cabeciña de soños. E leva na boca todo o sal do mar.

Comentarios