Opinión

Todos son o Día das Bibliotecas

Na retina, a foto de V. Smailovic tocando o violoncello nas ruínas da Biblioteca Nacional de Saraxevo. 1992, Guerra dos Balcáns. Foi a nosa derrota, porque destruír unha biblioteca é atacar a historia, o patrimonio cultural, a memoria dun pobo. Memoricidio e crime de guerra.

En 1997, coa cinza da vergonza aínda quente, empezouse a celebrar o Día Internacional das Bibliotecas. ‘BiblioTEcoida’, lema deste ano, salientando as institucións que atesouran e protexen a historia, cultura, creación, pensamento. Cousas perigosas para credos esteparios, fanatismos, ditaduras e autocracias que non toleran heterodoxias. A historia das bibliotecas éche unha epopea de martirios e supervivencia.

Saraxevo foi outro capítulo dunha singradura de lume, cascallos e perda de miles de libros e documentos únicos.
Contra o pesimismo da sabedoría popular ‘Pasou o día, pasou a romaría’ hai que falar de bibliotecas despois do Día das Bibliotecas. Para que cada día do ano as bibliotecas celebren o aniversario.

Son lugares de encontro de todas as idades co libro ao alcance do apetito, da fame de todas as mans, ollos, cerebros. Un infinito tesouro de riquezas inexgotables que só medran cando se comparten. As bibliotecas son luz que ilumina cando acende outras luces. Son a maior e mellor rede social. Xigantescos vacunódromos contra a pandemia fascista de bulos e desinformación. Embigo do barrio, da escola, do pobo, do centro penitenciario, da universidade. Ferramenta necesaria nos procesos de formación, aprendizaxe e investigación. Lugar de goce que atesoura algo valioso en vías de extinción: o silencio. Espazo privilexiado para a lectura que acompaña, enriquece e obriga a traballar ao organo máis lacazán do corpo, o cerebro humano.

As bibliotecas son todo o que atesouran dentro. A saber: 

Son Axencias Gratuítas de Viaxes para embarcar nun libro e viaxar lixeiros de equipaxe.

Son Mesas de Tertulia pasa sentar e falar en silencio co mismísimo Platon, Spinoza ou Hannah Arendt. E aprender a pensar, a vivir.

Son Escolas de Arqueoloxía para viaxar ao pasado, a este presente, ao futuro se non o estragamos.

Son Cofre de Cores onde só os que se fan como nenos entrarán no Reino da Fantasía.

Son Academias de Historia e de historias onde todos somos protagonistas, os canallas e os que iluminan.

Son Lugar de Citas Amorosas para neuronas e hormonas lectoras.

Son Parnaso de Poetisas e Poetas para enfiar os versos máis cálidos, os máis acerados.

Son Laboratorios de Ciencias que gardan mundos diminutos, universos xigantes.

Son Museos da Memoria atesourada por unha asombrosa colección de cerebros humanos.

Son Bibliotecas Públicas, abertas, gratuítas e democráticas. E cada 24 de outubro, é dicir, os 365 do ano están de aniversario celebrando o Día da Bibliotecas.

Comentarios